Publicador de contidos

Publicador de contidos

A bolsa española abre cunha alza do 3 %, expectante ante o anuncio de Trump sobre Irán

A bolsa española abre cunha alza do 3 %, expectante ante o anuncio de Trump sobre Irán

O Ibex 35 suma 501 puntos, ata os 17.572,7 enteiros 

Todas as bolsas europeas abriron con subidas á espera do discurso do presidente dos EUA, que podería anunciar a fin da guerra en Irán

 

Vega Alonso/EFE Vega Alonso/EFE
G24.gal 01/04/2026 09:37

A bolsa española abriu este mércores cunha alza de preto do 3 %, en consonancia co resto de prazas europeas, que rexistran salientables subidas ante a expectativa do final da guerra de Irán e do "importante" anuncio que esta noite fará o presidente dos EUA, Donald Trump.

Na apertura do mercado, o selectivo da bolsa española, o Ibex 35, suma 501 puntos, o 3,10 %, e sitúase en 17.572,7 puntos; volvendo recuperar unha alza no ano do 1,3 %.

Todas as bolsas europeas abriron con salientables subidas, e tras Madrid sitúase Frankfurt, cun avance do 3,04 %; seguida de París, co 2,37 %; Londres, co 1,81 %; e Milán, co 1,11 %, mietnras que o Euro Stoxx50, no que cotizan as compañías de maior capitalización de Europa, tamén sobe un 2,66 %.

O euro apréciase o 0,27 %, e cámbiase a 1,158 dólares.

Os mercados móstranse optimistas despois do anuncio feito pola portavoz da Casa Branca, Karoline Leavitt, de que Trump realizará este mércores un discurso sobre a guerra en Irán ás 21:00 hora local (as 4 da madrugada do xoves, hora galega), considerando que a fin da guerra en Irán podería estar preto.

A mensaxe de Trump chegará na madrugada europea, despois de que onte asegurara que os seus obxectivos en Irán están cumpridos e que nun prazo de dúas a tres semanas, cara a mediados de abril espera unha retirada de Irán.

En Wall Street a sesión de onte foi unha das mellores dos últimos anos, cos principais índices pechando con fortes ganancias, liderados polos valores dos sectores de servizos de comunicación e polos tecnolóxicos, moitos dos cales foran duramente castigados recentemente, de modo que o Nasdaq subiu un 3,83 %; o S&P 500, un 2,91 %, e o Dow Jones de Industriais, un 2,49 %.

O prezo do petróleo, cuxa referencia para os contratos de futuros cambiou a xuño en lugar de maio como era ata hora, rexistra un descenso do 4,3 %, e o barril sitúase por baixo dos 100 dólares fronte aos 118 aos que chegou onte.

As expectativas de que a guerra en Irán poida acabar pronto levou tamén a salientables alzas nas bolsas asiáticas.

O Nikkei da Bolsa de Tokyo disparouse un 5,24 %; o principal índice da Bolsa de Seúl, o Kospi, repuntou un 8,44 %; a Bolsa de Taiwán pechou cunha alza do 4,58 %; o índice de referencia da Bolsa de Shanghai sumou un 1,46 %; o parqué de Shenzhen, un 1,68 %, e o Hang Seng de Hong Kong, a falta do peche, sobe un 2,22 %.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade