Publicador de contidos

Publicador de contidos

Levántase parcialmente o confinamento das aves de curral; as restricións seguen vixentes en 40 concellos galegos

Levántase parcialmente o confinamento das aves de curral; as restricións seguen vixentes en 40 concellos galegos

A situación epidemiolóxica mellorou nos últimos 15 días, coa ausencia de detección de casos en aves silvestres

O confinamento mantense nas zonas consideradas de especial risco e vixilancia de 1.201 municipios, 40 en Galicia

G24.gal 01/04/2026 09:26 Última actualización 01/04/2026 14:30

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) decretou o levantamento parcial do confinamento de aves de curral pola evolución favorable da situación epidemiolóxica da gripe aviaria en España.

A orde, publicada este mércores no BOE, revela que a situación epidemiolóxica mellorou nos últimos 15 días, coa ausencia de detección de casos en aves silvestres, a previsión da subida das temperaturas, xunto coa aplicación das ferramentas dispoñibles de xestión do risco espacial de incursión e presenza do virus da gripe aviaria no medio en España.

O pasado 13 de novembro, o Goberno ordenou o confinamento de todas as aves de curral que se crían ao aire libre para previr o contaxio por gripe aviaria das aves silvestres ante a previsión de que empeorasen os contaxios polas migracións de aves silvestres. 

O confinamento mantense, en cambio, nas zonas consideradas de especial risco e vixilancia, que comprenden 1.201 municipios de todas as comunidades autónomas, incluíndo Ceuta e Melilla.

En Galicia con 40 concellos. Dunha banda, os declarados como zonas de especial risco: A Illa de Arousa, Cambados, O Grove, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Xove, Cerceda, Ordes e Tordoia. 

Como zonas de especial vixilancia están: Cariño, Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Vimianzo, Zas, Ribadeo,Trabada, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos, Xinzo de Limia, A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.

Os focos en granxas

Desde o 1 de xullo de 2025 contabilizáronse en España 16 focos de influenza aviaria en granxas de produción; o último, o pasado 13 de xaneiro na provincia de Lleida.

España xa foi declarada, desde o pasado 10 de febreiro, país libre de influenza aviario de alta patoxenicidade (IAAP) pola Organización Mundial de Sanidade Animal (OMSA), aínda que se mantiñan as medidas de prevención como o confinamento de todas as aves de curral pola situación de alto risco por mor dos movementos de aves migratorias desde zonas de Europa con alta incidencia da enfermidade.

A influenza aviaria afectou principalmente aves silvestres, con 165 focos notificados desde o mes de xullo, alén de seis en aves cativas non destinadas á produción.

Confinamento desde novembro

O 13 de novembro de 2025, o Ministerio decretou o confinamento de todas as aves de curral que se crían ao aire libre en España como medida preventiva de reforzo ante o aumento do risco de expansión da influenza aviaria, enfermidade altamente infecciosa.

A disposición tiña por obxecto evitar posibles contactos entre as aves de granxa e as migratorias que podían ser portadoras do virus.

Unha semana antes decretárase o confinamento das aves de curral nas mencionadas zonas de especial risco e vixilancia.

Desde esa data levouse a cabo un seguimento semanal da situación epidemiolóxica e agora, a teor da evolución da enfermidade en España e nas zonas de orixe dos movementos de aves migratorias e ante a previsión de temperaturas, o Ministerio considerou oportuno levantar o confinamento xeral en todo o territorio nacional.

O Departamento tamén lembrou que, a pesar do levantamento de confinamento, é necesario manter e reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas para evitar o contacto con aves silvestres, así como reforzar a vixilancia pasiva, tanto nestas como en explotacións avícolas.

Calquera sospeita de enfermidade debe ser notificada aos servizos veterinarios oficiais, en particular no caso das aves domésticas.

Lembrou finalmente que o virus da influenza aviaria non pode ser transmitido ao home a través de carne de ave cociñada, ovos ou produtos procesados derivados deles, pero, en calquera caso, recoméndase minimizar o contacto innecesario coas aves que mostren síntomas clínicos ou se atopen mortas no campo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos