A EMA desaconsella a cuarta dose da vacina da covid–19 para a poboación en xeral
A campaña de revacinación podería comezar no outono

A Axencia Europea do Medicamento considera precipitado pensar na administración dunha cuarta dose das vacinas de ARNm como Pfizer e Moderna na poboación en xeral, pero si en adultos maiores de 80 anos que corren o risco de padecer covid–19 grave.
Xunto co Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades, cren que non hai datos suficientes para recomendala agás nesa franxa de risco. Ao tempo, advirten de que tampouco hai probas na UE de que a protección contra os casos graves estea diminuíndo en adultos sans de 60 a 79 anos, e por tanto non hai evidencias que apoien o uso inmediato desa cuarta dose.
Se a situación epidemiolóxica cambiase e xurdisen novos sinais, engaden, poderían cumprir a cuarta dose para maiores de 60 anos. Para os menores desa idade tampouco existen evidencias, aseguran, de que a protección da vacina contra enfermidades graves estea diminuíndo, e por iso non a recomendan.
Os dous organismos sinalan que as campañas de revacinación poderían comezar no outono e daquela as autoridades sanitarias estatais considerarán a administración de doses adicionais, con vacinas actualizadas.
Lembran aos non vacinados aínda, aos que exhortan a vacinárense, que é o xeito máis eficaz de previr enfermidades graves na pandemia actual.
A finais de marzo pasado, o 83 % dos adultos europeos recibiran as vacinas iniciais e só o 64 % tiña unha dose de reforzo.