A auga de Betanzos dá negativo en virus, pero seguen as restricións
O vindeiro luns farase outra recollida de mostras e se segue dando negativo, poderían levantarse as restricións ao consumo ao final da semana

A Xunta avanzou que desde o pasado mércores as analíticas realizadas tanto nos depósitos de cabeceira como na rede de traída de augas municipal do concello de Betanzos “comezan a dar negativo en norovirus”, pero as restricións no consumo estarán en vigor polo menos ata o mércores.
A Dirección Xeral de Saúde Pública trasladou estes resultados á Alcaldía de Betanzos, aínda que aclararon que será necesario “facer unha terceira recollida de mostras -o vindeiro luns- para confirmar a posibilidade de que se recomende ao Concello o levantamento das restricións no consumo de auga da traída municipal”.
O luns tomaranse novas mostras para determinar que os parámetros de microbioloxía e bioquímica son os correctos, tras reducir o nivel de cloro, por parte de concello de Betanzos, tal e como indicaron os técnicos da Xunta de Galicia.
Estes resultados corroboran tamén a efectividade da limpeza dos depósitos e da rede, así como da hipercloración da auga.
Os resultados das análises do luns coñeceranse o mércores ou o xoves.
En caso de que as probas sexan negativas en norovirus, será posible levantar as restricións, pois xa durante esta fin de semana se vai traballar para baixar o nivel de cloro da auga.
Os casos de gastroenterite empezaron hai catro fins de semana, aínda que inicialmente se buscou unha bacteria e non se detectou o virus causante da enfermidade na auga ata varios días máis tarde.
Betanzos, un municipio duns 13.000 habitantes, mantén desde entón a prohibición de utilizar a auga para bebida, preparación de alimentos ou hixiene bucodental.
O gromo rexistrado afectou medio milleiro de persoas.
Durante todo este tempo, o consistorio reparte auga embotellada entre os veciños e distribúe en camións cisterna auga potable.