Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Audiencia Nacional propón xulgar a Rubiales polo bico non consentido a Jenni Hermoso

A Audiencia Nacional propón xulgar a Rubiales polo bico non consentido a Jenni Hermoso

O xuíz concluíu que o bico "non foi consentido e foi unha iniciativa unilateral e sorpresiva"

Ve indicios para sentar no banco ao exseleccionador feminino Jorge Vilda

G24.gal 25/01/2024 11:00 Última actualización 25/01/2024 11:50

O maxistrado da Audiencia Nacional, Francisco de Jorge, propuxo xulgar o expresidente da Federación Española de Fútbol (RFEF) Luis Rubiales polo bico non consentido que lle deu á xogadora Jenni Hermoso tras a final do Mundial en Sydney o pasado 20 de agosto e polas presións que fixo para xustificalo.

Tras varios meses de investigación, o xuíz concluíu que o bico "non foi consentido e foi unha iniciativa unilateral e sorpresiva" de Rubiales, a quen investigou por un delito de agresión sexual e outro de coaccións.

O maxistrado non especifica no seu auto os delitos polos que propón xulgar a Rubiales porque, segundo explica, neste momento a súa función limítase a apreciar que existen indicios suficientes contra el, de modo que son as acusacións quen debe concretar por que delitos exercen a acción contra os investigados.

Ademais da Rubiales, o maxistrado cre que hai indicios para sentar no banco o exseleccionador feminino Jorge Vilda; o director da selección masculina, Albert Luque, e o responsable de márketing da RFEF, Rubén Rivera, polas presións a Jenni Hermoso.

De Jorge sostén que podería existir unha acción concertada entre os tres, acordada con Rubiales, "para dobregar a vontade" da futbolista "e conseguir que accedese a gravar un vídeo no que dixese que o bico fora consentido".

Jenni Hermoso non consentiu

O xuíz, en liña coa tese da Fiscalía, concluíu que Rubiales, suxeitando a cabeza da internacional con ambas as mans, propinoulle "un bico nos beizos" de maneira "sorpresiva e inesperada".

Jenni Hermoso "non se apercibiu da intención" do seu superior "de bicala nos beizos nin deu o seu consentimento", di o xuíz, que sostén que a xogadora, "desconcertada e sorprendida" por ese "inesperado bico", non tivo tempo de reaccionar.

Segundo o seu relato, a futbolista tentou ao principio restar importancia ao ocorrido e continuar "celebrando o histórico triunfo", pero a medida que ían pasando as horas "a euforia do triunfo foi dando paso ao malestar e ao sentimento de ser ofendida", sentimento que "foi en aumento ante as presións de Rubiales e do seu círculo próximo para que publicamente manifestase que o bico fora consentido".

O maxistrado deixa claro que a finalidade erótica ou non, ou o estado de euforia e axitación derivado da vitoria, son elementos cuxa consecuencia deberá valorarse no xuízo.

Presións que crearon ansiedade e intenso estrés na xogadora

O xuíz relata as presións ás que foi sometida a futbolista, que lle crearon "unha situación de ansiedade e intenso estrés".

Algunhas enmárcanse no voo de volta a España, cando, segundo o xuíz, Rubiales tentou que Jenni Hermoso fixese declaracións públicas con el para dicir que o bico foi consentido.

Ela negouse, Rubiales pediu consello ao seu equipo técnico e solicitou a Vilda que falase co irmán da xogadora para convencela. Nese punto, prosegue o auto, o entón adestrador buscou ao familiar e advertiulle de que se a súa irmá non accedía a participar no vídeo "tería consecuencias negativas para ela" e "prexuízos na súa carreira profesional".

Xa en España, e por encargo de Rubiales, o responsable de márketing da RFEF, Rubén Rivera, pediu a Jenni Hermoso, "de maneira reiterada e persistente", que falase co responsable de integridade da RFEF e insistiulle en que debía participar nese vídeo.

O xuíz relata que a pesar da "clara negativa" e o "fastío" da xogadora, Rivera insistiulle, díxolle que falase con Albert Luque e, ao non conseguilo, tentouno a través dunha amiga para que a convencese.

Jenni Hermoso seguiu negándose e Luque acabou indo ao hotel en que algunhas xogadoras se aloxaron na viaxe a Eivisa que realizaron tras a vitoria do Mundial e tentouna "forzar" a "falar con el para convencela".

Non o conseguiu, de maneira que, segundo o xuíz, meteu presión tamén a unha amiga súa e acabou acusándoa nunha mensaxe de mala persoa, desexándolle "que se atope moi soa na vida". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade