A Audiencia da Coruña condena a once anos un pai por abusar sexualmente da súa filla
O tribunal imponlle a privación da patria potestade durante seis anos, a prohibición de aproximación e de comunicación coa vítima durante 21 anos e a inhabilitación para calquera profesión ou oficio que implique contacto regular e directo con menores por un tempo de dezaseis anos
Imaxe de arquivo da Audiencia Provincial da Coruña
A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou a once anos de cárcere un pai por abusar sexualmente de forma continuada da súa filla cando esta era menor de idade.
Ademais, o tribunal imponlle a privación da patria potestade durante seis anos e a prohibición de aproximación e de comunicación coa vítima durante 21 anos.
A Sala tamén o inhabilita para calquera profesión ou oficio, sexa ou non retribuído, que implique contacto regular e directo con menores por un tempo de dezaseis anos.
Na sentenza do 5 de xaneiro que publicou este xoves o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), os maxistrados consideran probado que o procesado cometeu os feitos desde mediados do ano 2015, cando a súa filla aínda non cumprira os dez anos, ata os primeiros meses do ano 2019.
Así, aseguran que incorreu en abusos sexuais "en numerosas ocasións e sen que se poida concretar o seu número, co ánimo de satisfacer os seus impulsos e desexos sexuais, aproveitando a súa relación paternofilial e que a súa esposa traballaba a xornada completa de luns a sábado, polo que se encargaba do coidado da menor, e noutras ocasións aproveitando que estaban a soas ou que non os vía ninguén, cando xa estaban separados os seus pais".
O home, tamén abusou da irmá da vítima. No ditame, os xuíces indican que "as accións finalizaron arredor do mes de maio de 2019, cando a irmá da menor denunciou o procesado por abusos sexuais cometidos respecto dela ao longo de varios anos (polo menos entre o ano 2007 e o ano 2009), procedemento que terminou con sentenza condenatoria xa firme".
"O tribunal non ten dúbida algunha da veracidade e da solidez do testemuño" da vítima, subliña o ditame, no que se destaca que non se detecta "ningún viso de motivación espuria" no seu relato, o cal afirma que conta con outros factores de verificación, entre eles o informe pericial do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).
A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o TSXG.