Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Asociación Profesional da Maxistratura ve precipitada a reforma dos delitos de sedición e malversación

A Asociación Profesional da Maxistratura ve precipitada a reforma dos delitos de sedición e malversación

O secretario xeral da APM lembra que hai dez anos "a crítica á corrupción era unánime"

Ignacio Picatoste cre que "unha demostración da urxencia" impide que as modificacións normativas se fagan con consenso e se consoliden no tempo

G24.gal 15/11/2022 09:54

O secretario xeral da Asociación Profesional da Maxistratura critica a celeridade coa que o Goberno pretende reformar o Código penal coa intención de derrogar o delito de sedición e suavizar o de malversación.

Segundo Ignacio Picatoste, derrogando o tipo penal da sedición "homologámonos cuns países e afastámonos doutros". Explicábao nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega.

"Co nome de sedición pode que non haxa encaixe directo en Europa, pero hai países que non teñen prevista esta figura e outros que o teñen con penas máis agravadas. Esa idea da homologación depende de con quen queiramos homologarnos".

Ao seu xuízo, eliminando a sedición achegámonos a países como Bélxica ou Portugal, pero afastámonos doutros como Francia, Italia ou Alemaña.

A reforma do delito de malversación, a debate

Picatoste non comparte os argumentos ofrecidos polo Goberno para suavizar as penas por malversación. Considera "anómalo" desde o punto de vista técnico establecer unha intención finalista no uso ilegal dos fondos públicos.

"Hai dez anos a crítica á corrupción era unánime. Agora de repente atopámonos con que se establece no uso ilegal de fondos públicos unha intención sobrevida finalista que distingue que é menos malo distraer fondos para uso persoal directo ou para outro uso. Co cal entramos nun xuízo de intencións que pode afectar á esfera da construción do dereito penal porque, ¿quen sabe cal é o último fin de quen fai algo?".

O secretario xeral da APM considera que "en todas as reformas legais é necesario suscitar o maior número de consensos e reunir o maior número de informes posibles". Ignacio Picatoste entende que "unha demostración da urxencia ou un apuro indebido impiden que as modificacións normativas gocen do debido consenso e se consoliden no tempo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade