A área de Vigo supera os 3.000 casos activos
A área de Vigo suma 396 contaxios novos
Todos os concellos teñen positivos, 19 deles están en risco alto ou moi alto
O estaleiro de Freire reiniciou a actividade tras unha parada por un gromo
"Unha parte da alta incidencia que hai aquí na área de Vigo, agora mesmo, foi polo tema do acendido do Nadal, téñoo clarísimo. Eu xa falando con compañeiros xa lles dixen: 'Agardade un par de semaniñas, unha ou dúas, e ides ver o que vai pasar en Vigo", comenta un veciño de Mos.
Este pensamento está na mente de moitos dende que o virus non para de medrar. Hoxe a área de Vigo rexistra a súa cifra máis alta. Os contaxios rozan os 400 o que eleva a cifra total de casos a máis de 3.000, dos que 79 están hospitalizados. O punto de atención móbil do Náutico segue recibindo un goteo constante de xente.
"Apareceunos un pouco de catarreira e imos facer esta probiña a ver que pasa"
"Igual imos a Portugal esta fin de semana e estano pedindo como obrigatoria, entón queriamos facernos a PCR ou antíxenos para saber que estamos limpos e poder pasar a fronteira"
"Temos un fillo que traballa aí nos estaleiros e parece que deu positivo, entón nós vimos tamén a ver, porque onte estivemos xuntos".
Hoxe volveu a actividade ao estaleiro de Freire tras unha semana coa produción parada por un gromo que afectou máis de medio cento de traballadores. En toda a área de Vigo xa non quedan concellos libres de covid e hai 19 que están en risco alto ou moi alto. O Porriño está á cabeza cunha incidencia que supera os 1.000 casos por cen mil.