A apertura dun carril permite a circulación na N-642, con retencións, pero fluída
As maiores retencións, de ata dous quilómetros, e unha espera duns dez minutos danse entre os vehículos que circulan de Foz cara a Burela
Despois de dous días coa estrada cortada, a apertura do carril supón un alivio que evita un rodeo de 70 quilómetros
A circulación na N-642, que o venres sufriu un corte entre os puntos quilométricos 41 e 44 por unha importante deterioración da vía, foi na primeira hora deste luns máis fluída do esperable, con retencións duns dez minutos ou menos.
Segundo puido comprobar un equipo da Televisión de Galicia, as maiores retencións prodúcense entre os vehículos que van en dirección de Foz a Burela, con ringleiras que chegan nalgúns momentos aos dous quilómetros. Mentres que os que o fan de Burela cara a Foz non chegan a acumular retencións de máis dunha ducia de vehículos agardando no semáforo.
A última hora da tarde deste domingo habilitouse un carril da N-642, regulado por un semáforo, para que o tráfico poida circular polo menos por unha parte da vía, que permanecía cortada ao tráfico desde a noite do venres, entre Burela e Foz, debido a unha focha producida por unha balsa de auga ocasionada polas fortes choivas caídas nos últimos días.
Os condutores que van desde Burela en dirección a Foz continúan pasando polo carril que lles corresponde. Mentres, os que chegan desde Viveiro, que veñen pola variante, terán que chegar ao semáforo e facer un stop. Así mesmo, os que circulan desde Foz deberán pasar polo semáforo para incorporarse á variante.
A Subdelegada do Goberno en Lugo Isabel Rodríguez aseguraba este luns que se está circulando "con fluidez" e que os técnicos teñen que valorar que solución dar.
O alcalde de Burela Alfredo Llano di que a solución que se adoptou foi rápida: "De non ser así , teríamos un problema gordísimo".
O alcalde de Foz Fran Cajoto aplaude o traballo que se fixo toda a fin de semana para chegar a este luns e permitir que se puidese circular pola N-642, aínda que fose de xeito provisional. "Podemos respirar", aseguraba.
A apertura dese carril na N-642 alivia a situación. Condutores e veciños agradecen que non demorase, pero advirten de que isto pon de manifesto a alta dependencia que teñen da estrada e da necesidade dunha alternativa.