A aparición de varios coches queimados preocupa os veciños do barrio coruñés das Xubias
Un dos coches queimados permanece no lugar do suceso
Tamén roubaron e causaron estragos noutros vehículos
Un dos coches queimados permanece no lugar do suceso. Xa retiraron o que estaba pegado a este, que tamén ardeu. E hai uns días houbo un incendio máis noutro vehículo nesta mesma rúa do barrio das Xubias de Arriba, na Coruña.
"Nós estamos en que aquí vén alguén, parece que cunha caperucha e de noite, segundo se oe, prendeu neste e o que estaba ao lado, non sei se co lume deste, tamén se queimou", di un veciño.
Ademais destes incendios, os veciños denuncian outros actos vandálicos. Lembran que roubaron e causaron estragos en varios vehículos.
"Están rompendo cristais para roubar calquera cousa que haxa dentro, como lle pasou ao meu fillo e a moitos máis no sanatorio".
Este aumento da conflitividade ten os veciños preocupados.
"Desde hai un ano para aquí non estamos moi tranquilos porque sempre está xurdindo algo".
Tamén tiveron que limpar as pintadas que, segundo contan, apareceron en varios portais. Ante esta situación, reclaman medidas para recuperar a seguridade na zona.