A AEMET admite que 50 países modifican o tempo de xeito artificial
Provocar chuvia en tempo de seca, disipar a néboa nos aeroportos ou reducir o tamaño das pedras das sarabiadas son algunhas das modificacións do tempo que se están a realizar en 50 países no mundo
Seguro que levan anos asistindo a ese ruxerruxe en medios e en redes sociais. Que escoitaron, por exemplo, que A China afastou nubes a canonazos para ter bo tempo nos xogos olímpicos, ou que hai tecnoloxía para incrementar modestamente a cantidade de precipitacións.
Pois o caso é que o informe periódico da Organización Meteorolóxica Mundial que acaba de recoller a AEMET recoñece que están a realizar actividades puntuais de modificación do tempo en máis de 50 países.
Como, cando e por que e en que medida estas intervencións poden xogar a favor ou en contra do cambio climático son algúns dos asuntos que lle preguntamos aos expertos.
"Existe unha técnica coñecida e utilizada que é a de sementar nubes. Cando as hai pero non chove isto é porque as pinguiñas son demasiado pequenas para caer", explica Xoán Taboada, de Meteogalicia
"O caso máis coñecido é o chinés, que querían evitar que lles chovese o día da cerimonia inaugural dos XX. OO. O que fixeron sementar unhas particuliñas para que o que estea a piques xa o chova nese momento e non che estrague ao día seguinte", engade Jorge Mira, catedrático do Departamento de Física Aplicada da USC .
Faise con canóns ou dende avións: meter dentro da nube núcleos de ioduro de prata, para que as gotas adquiran o tamaño e o peso suficiente para precipitar.
"Cales son as consecuencias, pois as obvias. Se fas que chova nun sitio de xeito artificial estás impedindo que chova nun sitio non que tería chovido de xeito natural de non ser pola túa intervención", argumenta Jorge Mira.
Tamén hai técnicas para desfacer a sarabia, cun estoupido dentro da nube, para volatilizar as pedras ata que non fagan tanto dano. Pódense usar, ademais, técnicas similares para desfacer a néboa no aeroporto. Aquí, valerían para a A-8? Non se sabe. Pero si se sabe que en Galicia xa houbo algún que outro intentiño. Concretamente na parte de sementeira de nubes si que houbo algún que outro intento con técnicas de ioduro de prata para que puidese chover nas cabeceiras dos encoros.
"Algún ensaio houbo pero non, que se saiba, de xeito sistemático", conclúe Xoán Taboada, de Meteogalicia.