Publicador de contidos

Publicador de contidos

A actriz Lucía Veiga, nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual

A actriz Lucía Veiga, nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual

"Son consciente do reto, das tarefas e da responsabilidade, e, con esa vertixe que dá o descoñecido, tentarei, tentaremos estar á altura", manifestou tras o nomeamento

A actriz Lucía Veiga na Gala dos Premios Goya 2025 (Arsenio Zurita/Europa Press) A actriz Lucía Veiga na Gala dos Premios Goya 2025 (Arsenio Zurita/Europa Press)
G24.gal 02/06/2025 11:31

A actriz coruñesa Lucía Veiga é a nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual. Segundo informou este luns a propia Academia, Veiga foi elixida por unanimidade, na asemblea xeral da entidade celebrada o 30 de maio, para substituír no cargo a Álvaro Pérez Becerra.

A actriz convértese así na novena presidenta da institución e a terceira muller en ocupar o cargo.

"Son consciente do reto, das tarefas e da responsabilidade, e, con esa vertixe que dá o descoñecido, tentarei, tentaremos estar á altura", manifestou Lucía Veiga tras o nomeamento.

A nova presidenta indicou que "a Academia Galega do Audiovisual ten na súa man o deber de traballar por un sector plural no que conflúen profesionais moi diversos, e o consenso é fundamental e ao tempo complicado", polo que "só escoitando a todas a partes e integrando as necesidades pode conseguirse representar a un colectivo como este".

Os seus obxectivos, avanzou, son "continuar na liña do diálogo e de acordo aberta polas xuntas anteriores, e que as persoas asociadas perciban o valor que lles achega esta institución, que sentan representadas".

Veiga estará acompañada na xunta directiva pola maquilladora e peiteadora Fani Mosqueira, o director de produción Javi Lopa e os produtores Sara Horta e Xosé Manuel Barreira.

Ademais, repiten como membros da directiva as actrices e directoras Carmen Méndez e Saamira Ganay, a directora e produtora Anxos Fazáns, a script e produtora Alba Gallego e o distribuidor e exhibidor Milo Baños. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade