A primeira operación saída do verán deixará en Galicia 405.000 desprazamentos por estrada
A DXT invita hoxe a todos os usuarios da rede viaria a "non esquecer a prudencia e levala tamén de vacacións"
Os despistes e os fenómenos meteorolóxicos adversos -que tamén se dan non verán- están tras a maioría dos accidentes nas estradas. Por iso a DXT invita hoxe a todos os usuarios da rede viaria a non esquecer a prudencia e levala tamén de vacacións. Este ano, a primeira operación saída do verán atrásase ata o 4 de xullo.
Un vehículo que toma polo medio unha rotonda de Ourense, un camión que esvara e fai a tesoira na A-55, ou outro, equivocado, polo carril contrario da autovía. Son exemplos de que na saída cara ao lugar de vacacións, pero tamén nos traxectos habituais, hai que redobrar a atención e a prudencia, entre outras razóns, pola enorme cantidade de vehículos que haberá nas estradas desde o venres catro de xullo ata a medianoite do domingo día 6.
"405.000 vehículos, segundo as nosas previsións, van circular polas estradas de Galicia, fundamentalmente nas provincias atlánticas, comezamos o período de maior presión", declarou Pedro Blanco, o Delegado do Goberno en Galicia.
A campaña que comeza coas boas novas do primeiro semestre, en que se conseguiu reducir en 13 o número de persoas falecidas en Galicia con respecto do ano anterior.
"Falamos dun descenso do 26 % a estas alturas de ano, pero sempre digo que detrás de cada persoa falecida hai unha traxedia que non podemos obviar nin minimizar", detallou Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia.
Este ano non haberá o tradicional vídeo da DXT, que fará a campaña de verán en redes sociais. As cifras para Galicia son 700 axentes despregados, 200 radares activos, 275 cámaras de control, 250 patrullas da Garda Civil e o helicóptero Pegasus. O obxectivo, evitar accidentes.