Soben a 22 os mortos polo derrubamento de dous edificios residenciais en Marrocos
O suceso produciuse na cidade de Fez, no centro do país, e deixa cando menos 16 persoas feridas
Nos dous edificios sinistrados vivían oito familias
(Reuters/Said Echarif)
Polo menos 22 persoas faleceron e outras 16 quedaron feridas de diferente gravidade tras o derrubamento de dous edificios residenciais contiguos na cidade de Fez, no centro de Marrocos.
O sinistro produciuse nesta noite do martes ao mércores no barrio Mostaqbal, en Fez, cando dous inmobles de catro plantas se derrubaron, segundo informaron este mércores as autoridades locais.
Trátase dun balance preliminar, segundo as mesmas fontes, que sinalaron que nos dous edificios vivían en total oito familias. O primeiro edificio estaba desocupado, mentres que no segundo tiña lugar unha festa de aqiqah, o ritual musulmán que celebra o nacemento dun bebé.
"Tras recibir o aviso do incidente, as autoridades locais e de seguridade, e tamén os efectivos da Protección Civil, desprazáronse inmediatamente ao lugar para iniciar as operacións de busca e rescate", informaron as fontes.
No lugar do sinistro, as autoridades tomaron medidas para asegurar o perímetro dos edificios derrubados e evacuar os habitantes das vivendas lindeiras.
As persoas feridas foron trasladadas ao Centro Hospitalario Universitario de Fez para recibir a atención médica necesaria, apuntaron as fontes que engadiron que as operacións de busca continúan para rastrexar se pode haber outras vítimas entre os entullos.
A Policía Xudicial abriu unha investigación baixo a supervisión da fiscalía xeral co fin de determinar as causas deste suceso e esclarecer as súas circunstancias e detalles.
Medios marroquís recolleron testemuños dos veciños e outras fontes no lugar do sinistro que apuntaron que os dous edificios estaban nun barrio que no pasado foi de chabolas e que a súa construción por parte dos propietarios "podería presentar irregularidades".
O pasado maio nove persoas morreron e outras sete resultaron feridas tras o derrubamento dun edificio de varias plantas na mesma cidade de Fez.