81 familias da Coruña denuncian un atraso de medio ano na entrada das súas vivendas
Lamentan que desde a promotora non lles dean explicacións nin un prazo de entrada
Oitenta e un propietarios de pisos de protección autonómica do barrio de Novo Mesoiro din estar desesperados. Moitos deles asinaron no 2023 coa promotora, Astuga Inmobiliaria, a compra da súa vivenda, á que seguen sen poder entrar.
"No contrato pon un prazo de 30 meses, entrariamos en novembro de 2025. Pero desde a promotora dicían que ese prazo sería, como moito, xullo ou agosto. Despois setembro... e ese prazo foise alongando e aquí seguimos, agardando", explica un prexudicado.
Unha demora que, segundo explican, os está a prexudicar economicamente.
"No banco xa nos dixeron que pouco máis nos podían aguantar as condicións que temos para as nosas hipotecas".
"Os nosos caseiros estannos presionando porque, como os avisamos de que nos íamos, xa teñen outros inquilinos".
E tamén lles afecta no seu día a día.
"Hai propietarios que contaban con estar xa aquí a comezos de ano e agora teñen que facer cen quilómetros para poder traer os seus fillos ao colexio".
Desde a Consellería de Vivenda informan de que, ao tratarse dunha vivenda de protección autonómica, os prazos dependen da promotora e que, unha vez que presente a documentación, será o Instituto Galego de Vivenda e Solo quen se encargue de comprobar que está correcta para darlle a cualificación definitiva como Vivenda de Protección Autonómica.
Por outra banda, a Galega púxose en contacto coa promotora, pero, polo momento, non houbo resposta.