Publicador de contidos
Publicador de contidos

77.000 nenos son usuarios de comedores escolares en Galicia

77.000 nenos son usuarios de comedores escolares en Galicia

A maioría están xestionados polos propios colexios pero hai outros que levan as ANPA ou os concellos

O 80 % dos escolares de centros públicos teñen o comedor gratuíto ou pagan un máximo dun euro por neno e día

G24.gal 06/10/2022 13:13

O CEIP Lope de Vega de Vigo ten un dos comedores escolares de xestión directa con máis comensais de Galicia: dá de xantar todos os días a 466 comensais entre nenos e coidadores.

O equipo de claustro é o encargado de supervisar as compras e os menús. Menús, explica a directora do centro, que cumpren cos indicadores das proporcións de carne, peixe e verdura. Iso si, nos comedores escolares tentan optar polo produto de temporada e a cociña tradicional e compensar para que os nenos sempre teñan polo menos un prato do seu gusto.

"O pescado gústalles menos pero a pasta gústalles moito. Cando se lles empezou a dar polbo eu pensei que pola textura aos pequenos non o ían comer, pero encántalles o polbo. De sobremesa dámoslles queixo de Arzúa con marmelo, froitas de toda clase...", explica Olga Alonso, a cociñeira.


Hai poucos fritos e menús especiais para os alumnos que certifican intolerancias e grandes alerxias. Ao tempo que arden os fogóns, as voluntarias da ANPA e os responsables do comedor serven as mesas dos máis pequeniños e ordenan a entrada desde 2º a 6º de primaria.

"O aspecto máis importante é que probe todos os alimentos. Pero aquí hai nenos que veñen afeitos a tomar biberón que aínda non mastigan. E a nosa función é introducir alimentos que teñen que mastigar e ao mesmo tempo introducir alimentos que na casa non se comen. Uns con outros anímanse a probar todo", explica Xesús Vázquez, xefe de estudos e responsable do comedor.

Un traballo minucioso, sempre sen forzar, e que consegue que os nenos aprendan a comer dun xeito san e variado. As taxas dependen da renda. En Galicia, o 80 % dos escolares de centros públicos teñen o comedor gratuíto ou pagan un máximo dun euro por neno e día.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade