Corenta mil quilos de bonito na primeira poxa da costeira en Burela
A campaña arranca con boas capturas e prezos baixos
Corenta mil quilos do principe azul dos mares. Son as primeiras capturas da costeira do bonito 2023 que chegan ao porto de Burela. É o froito do traballo de catro barcos, tres vascos e un galego. A campaña comezou unha semana antes que o ano pasado, e, no que atinxe ao nivel de capturas, non hai queixa ningunha.
"Non é habitual nestas primeiras poxas ter tanta cantidade de peixe. O ano pasado durante catro días de arranque de campaña só subministraba produto unha embarcación", conta Miguel Neira, xerente dos armadores de Burela.
O prezo non acompañou tanto. Por algunhas partidas pagouse ata 11,60 euros o quilo, pero de media o prezo non chegou a cinco euros en lonxa.
"Estabamos moi contentos coas capturas pero cando chegamos aquí os prezos foron moi baixos, pensamos que ían ser algo maiores", explica o tripulante dun dos barcos vascos.
"Xa hai unhas semanas que hai bonito no mercado e isto ten un impacto importante na formación de prezos", aclara Neira.
No porto de Burela xa se marcan metas para esta costeira.
"Serían 1.500 toneladas e un volume de negocio que supere os seis millóns de euros".
Estas cifras non as lograron nas últimas campañas e confían en conseguilas na costeira do bonito 2023.