3.000 euros nun día para gastar en tendas de proximidade
A premiada co galardón especial da Campaña Días Azuis do Comercio Galego deu boa conta dos cartos nunha única xornada e en só dez tendas de Santiago
Dispoñer de 3.000 euros para gastos en plenas rebaixas de verán é un luxo que non está ao alcance de calquera. A premiada deste ano co galardón especial da Campaña Días Azuis do Comercio Galego, Silvia Calvo Casal, deu boa conta deles este luns, e en só dez tendas de Santiago. Calzado, roupa, accesorios, informática... foron completando o presuposto dunha compra reflexionada e con boa planificación.
As normas son gastar o premio nun mínimo de 10 establecementos e cun gasto mínimo de cen euros en cada un. Silvia precisou axuda da filla nunha tarefa que require loxística, mapa e planificación horaria. Nai e filla son usuarias habituais do comercio local, din que son esas pequenas tendas as que lles dan vida ás cidades e ás vilas.
"Creamos con esta campaña un volume de negocio duns 3,5 millóns de euros", declarou José María Seijas, o presidente da Federación Galega de Comercio. Ademais destes 3.000 euros do premio principal, a campaña repartiu outros 20.000 euros en tarxetas de 250 e de 150 euros.