Lugo celebra a terceira edición do Celme de Zanfona
O Centro de Artesanía e Deseño organiza, coa colaboración da área de Cultura do Concello de Lugo, tres días de conferencias, clases maxistrais e concertos arredor deste instrumento milenario, que se desenvolverán do 12 ao 14 de maio
O centro de artesanía e deseño organiza coa colaboración da área de cultura do Concello de Lugo, a terceira edición de Celme de Zanfona, os vindeiros venres, sábado e domingo, para escoitar, coñecer e estudar un instrumento milenario que continúa a fascinarnos pola súa sonoridade.
Celme de Zafona propón, neste terceiro encontro, un paseo pola historia musical do instrumento desde as súas orixes ata o presente. Un equipo de profesionais, con longa traxectoria e recoñecido prestixio, abordarán os recursos expresivos, repertorios e cantos de acompañamento.
Destaca deste encontro a presentación do primeiro manual profesional para zanfona e a participación dun coro histórico na conservación e difusión de documentos únicos que, ademais, nos proporcionará a oportunidade de percibir no escenario o talento individual e colectivo de excelentes músicos colaboradores.
Tamén se celebra a posta en marcha dunha nova escola de zanfona na agrupación histórica Cántigas e Frores, de Lugo, á que lle dedicaron o deseño dun modelo básico de zanfona bautizado co nome de Esencia, e que se pode descargar na web da Colección de instrumentos musicais e arquivo documental do Centrad.
Músicos e investigadores da música tradicional como Germán Díaz, Efrén López, Pablo Pascual, Suso Vaamonde, Miro Casabella, David Bellas, Iván Abal Pulleiro, Vítor Soto ou Xosé Luis Rivas Cruz proporán distintas aproximacións ao proceso de construción, a historia ou á sonoridade da zanfona, con exercicios novos como o concerto de creación electroacústica Novas Músicas, que fundirá folclore e tecnoloxía.