Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia activa 24 puntos para facer test covid sen cita previa

Galicia activa 24 puntos para facer test covid sen cita previa

Nos 14 distritos sanitarios, nos aeroportos e nas estacións de tren

Esta mañá habilitouse o punto 24 en Vilagarcía de Arousa

G24.gal 24/12/2021 12:30

Coa variante ómicron collendo forza, máis contaxiosa e, en principio, con síntomas menos graves, Galicia aposta por reforzar a busca de persoas asintomáticas para frear a sexta vaga do virus.

Os puntos de cribado sen cita previa, con PCR ou tests de antíxenos, amplíanse a 24. Xa funcionan nos 14 distritos sanitarios. Nos de Lugo estreaban o servizo a primeira hora de onte.

"Non vale se tiveches un contacto estreito cun positivo ou se tes síntomas,  neses casos hai que acudir ao médico de familia para que che solicite unha PCR", aclara María Jesús Pérez, directora de enfermería da área sanitaria.

En vinte minutos, terán o resultado. "Acabo de chegar de Barcelona e teño que facer a proba porque quero estar coa miña familia máis tranquilo", explica un mozo ás portas do punto covid de Lugo. "Toda prevención é pouca e nestas datas máis ainda", apunta un home.

Tamén se lles ofrece facer un test de antíxenos aos viaxeiros que cheguen aos tres aeroportos galegos e ás estacións de tren con conexións nacionais.

"O que se pretende é que poidamos vivir estas festas con máis seguridade, que as persoas que veñan reunirse con seus saiban se son positivas e negativas, e tamén para detectar casos asintomáticos" explica Miriam Vázquez , coordinadora de cribados do Sergas en Ourense.

Na estación de Ourense atopamos unha moza que traballa en Santiago e ven pasar a Noiteboa e Nadal coa familia. Cóntanos que os pais son pacientes de risco e preferiu facelo test para saír de dúbidas.

É conveniente consultar os horarios do lugar de cribado sen cita ao que nos queremos dirixir. E ter en conta que na maioría dos 24 puntos non estará dispoñible nin o día de Nadal nin o domingo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos