Publicador de contidos
Publicador de contidos

Chuvia, vento e neve danan infraestruturas e condicionan a circulación en Galicia

Chuvia, vento e neve danan infraestruturas e condicionan a circulación en Galicia

Hai complicacións para circular en puntos da A-8 polo vento e na A-6 pola neve

A intensa chuvia mantén en alerta 14 concellos por rebordamento de ríos 14 e provoca a caída dunha ponte en Xunqueira de Espadanedo

Un desprendemento de terra cortou o tráfico ferroviario entre A Coruña-Lugo e segue interrompida a liña de media distancia entre Ferrol e Cudillero

Aviso laranxa no litoral por vento de forza 8 e ondas de 7 metros de altura 

Ponte derrubada en Xunqueira de Espadanedo / Sinal en directo da A-6, en Pedrafita do Cebreiro Ponte derrubada en Xunqueira de Espadanedo / Sinal en directo da A-6, en Pedrafita do Cebreiro
G24.gal 26/02/2024 09:46 Última actualización 26/02/2024 19:38

A chuvia e o vento seguen a manter en alerta a comunidade e xerando afectacións no transporte. Segundo os datos de Meteogalicia, a chuvia alcanzou os 99,9 litros por metro cadrado en Pedrafita do Cebreiro (Lugo) e varios lugares da provincia de Pontevedra estiveron preto como Fornelos de Montes, onde chegaron a caer 91,7 litros por metro cadrado.

Chuvia que están a deixar importantes bolsas de auga como a que esta mañá, en Xunqueira de Espadanedo, acabou por derrubar o muro da ponte sobre a que pasa a estrada OU-535. Por sorte, o tráfico da vía leva cortado desde o pasado venres polas obras que se están a levar a cabo para mellorar o seu estado.

14 concellos, en alerta por rebordamento

A intensa chuvia mantén en alerta 14 concellos por risco de enchente dos ríos. Un dos concellos máis afectados foi Viveiro, onde a acumulación de auga fixo que subise o nivel do Landro, que acabou rebordando coa preamar. A enchente obrigou a cortar a estrada que comunica Landrove con Ferreira do Valadouro. Axentes da Policía Local e mais os efectivos de Protección Civil tiveron que axudar algúns veciños a volver á casa.

As copiosas precipitacións das últimas horas provocaron unha importante enchente do río Miño ao seu paso pola capital lucense, o que levou ao Concello a pechar un tramo do Paseo do Miño entre o Balneario e o antigo restaurante O Muíño. Desde a área de Transición Ecolóxica informaron de que non se permitirá o paso de peóns por ese tramo do Paseo do Miño mentres non se poida transitar con seguridade pola zona.

Por outra banda, o alcalde de Begonte, José Ulla Rocha, confirmou que o río Ladra desbordou e a auga chegou ata dúas casas. Ulla Rocha precisou que a enchente afectou a unha casa próxima ao Club Fluvial da localidade, a uns cen metros do río. A auga tamén chegou ao garaxe doutra vivenda, tamén próxima ao leito.

En Vilalba, a enchente do río Madalena tamén obrigou a pechar o paseo fluvial da localidade. Na provincia da Coruña, os veciños de Neda tratan de recuperar a normalidade tras o desbordamento dos ríos Belelle e Basteiro.

A Xunta mantén activado o Plan especial ante o risco de inundacións en Galicia (Inungal). Ademais do Ladra, tamén se atopan en seguimento o Anllóns (Ponteceso), o Miño (Lugo), o Mera, o Mandeo, o Tea (Bouzo do Viso), o Ouro, o Mendo e o Arnoia (Baños de Molgas). En todos eles, polo de agora, a situación permanece baixo control.  

Cómpre extremar as precaucións nas marxes destes ríos ao seu paso polos concellos de Ortigueira, Betanzos, Paderne, Mondariz, Mondariz-Balneario, Salceda de Caselas, Ponteareas, Salvaterra de Miño, Tui, Gondomar, Allariz, Baños de Molgas, Vilar de Barrio e Maceda.

A neve e vento nas zonas altas da comunidade 

Nas zonas de alta montaña o temporal estase a notar en forma de neve. Na A-6 é foi preciso circular con precaución dende primeira hora da mañá desde o quilómetro 470 ao seu paso por Carballedo (Lugo) ao quilómetro 432 en Pedrafita do Cebreiro. Tamén hai que circular con precaución nos altos da Vaqueriza e A Fontaneira.

Na estrada que comunica Lugo coa Fonsagrada, a vía autonómica LU-530, acumuláronse varios centímetros de neve, o que obrigou a actuar ao dispositivo viario invernal para despexar o paso a partir do municipio de Castroverde.

A neve fíxose de rogar este ano nas zonas de montaña pero ao final chegou. Nos puntos máis altos das provincias de Lugo e Ourense, o frío vento do norte cristalizou as gotas de chuvia e deixou a esperada estampa branca en concellos como o da Fonsagrada, a case mil metros sobre o nivel do mar, Baleira e Baralla.
 

Ao igual ca en Lugo, as zonas altas da provincia de Ourense están este luns en aviso por neve a partir dos 800 metros de altura. 

Ademais da neve, Meteogalicia estableceu tamén un aviso por ventos que poderían superar os 80 quilómetros hora para as zonas montañosas de Ourense. De feito, en Cabeza de Manzaneda o vento obrigou a pechar o domingo a estación de esquí que o sábado traballou a pleno rendemento, con 14 pistas abertas.

O vento tamén está a condicionar a circulación na A-8 , desde o quilómetro 536 en Veiga de San Tomé ata o quilómetro 552 no Someiro, en ambos os sentidos. E  obrigou a desviar ao aeródromo de Santiago de Compostela dous voos que tiñan previsto aterrar no da Coruña, un que partira desde Madrid e outro desde Londres. 

 

Aviso laranxa na costa 

No mar, con ventos de forza 8  e ondas de ata sete metros de altura mantense activo o aviso laranxa en todo litoral galego e boa parte da frota amarrada a porto

Problemas na rede ferroviaria

Todo nunha xornada en que as precipitacións seguen a ser intensas en moitos puntos da Comunidade e cuxa acumulación tamén está  detrás do desprendemento de terra que a primeira hora da mañá obrigou a cortar o tráfico ferroviario entre A Coruña e Lugo.  A circulación quedou plenamente restablecida ás 10 da mañá.

Na tarde deste domingo, quedou interrompida a circulación entre Ponte Mera e Cerdido por árbores caídas na vía. Así, estableceuse un plan alternativo de transporte por estrada no traxecto afectado para trens entre Ferrol e Cudillero. Renfe informou de que quedou suspendida a rede de proximidade e estableceu un transporte alternativo por estrada para os trens de media distancia nese mencionado percorrido.

Ademais, na tarde deste domingo 25 de febreiro tamén se informou dunha incidencia en Valorio, no traxecto entre Zamora e Ourense, que afectou a trens de longa distancia, cun atraso medio estimado de 15 minutos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar