Detido tras matar a golpes o seu compañeiro de piso en Valencia
A veciñanza alertou de ruídos por unha pelexa e os axentes tiveron que entrar no piso polo balcón
Os servizos médicos confirmaron o falecemento dun home e asistiron outro por contusións e traumatismo cranioencefálico que foi trasladado a un centro hospitalario
Un home faleceu esta pasada noite en Valencia ao parecer polos golpes que lle propinou o seu compañeiro de piso, que foi xa detido, confirmaron a EFE fontes próximas á investigación.
O Grupo de Homicidios da Policía Nacional fíxose cargo dun caso do que a sala do 091 recibiu aviso sobre as 21:30 horas deste martes, en que veciñanza da contorna da praza de Arturo Piera alertaba de ruídos por unha pelexa.
A patrulla policial desprazada á zona tivo que entrar no piso por un balcón a través dunha cesta dun camión de bombeiros e no interior da vivenda achou un home tombado no corredor e, á beira, o suposto homicida cunha pesa nunha man, ambos os dous ensanguentados.
A vítima, que xacía, no chan presentaba múltiples feridas no rostro e o cranio, segundo fontes policiais. A patrulla detivo o sospeitoso, que recibiu asistencia sanitaria polas feridas que tamén presentaba, mentres o grupo de homicidios se facía cargo do caso e a policía científica solicitaba probas no domicilio antes do levantamento do cadáver.
Polo momento descoñécense as idades da vítima e do detido e as circunstancias en que se produciu o suceso.
O Centro de Información e Coordinación de Urxencias (CICU) recibiu aviso ás 21:20 horas e ata o lugar desprazáronse unha unidade do SAMU e equipo médico de Atención Primaria.
Os servizos médicos confirmaron o falecemento dun home e asistiron outro por contusións e traumatismo cranioencefálico que foi trasladado a un centro hospitalario, engaden fontes do CICU.
Segundo apuntan medios locais, o home detido tería algún tipo de patoloxía psiquiátrica.