Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vigo amplía o plan de ramplas e ascensores para salvar desniveis de ata cincuenta metros

Vigo amplía o plan de ramplas e ascensores para salvar desniveis de ata cincuenta metros

O Concello anuncia a construción dunha rampla adicional para conectar dous tramos con asistencia mecánica

Segundo as estatísticas municipais, cada día fanse 27.000 viaxes nos diferentes elevadores públicos

G24.gal 29/04/2026 13:51

A cidade das costas xa non cansa tanto. O Concello de Vigo anuncia a construción dunha nova rampla mecánica para conectar dous tramos do centro urbano que van contar con elevadores mecánicos.

Estará no Paseo de Granada, xusto a carón da Casa do Concello, e servirá para unir as escaleiras da rúa da Segunda República, as primeiras que se instalaron na cidade, coas ramplas que se están a facer na parte alta da rúa, que é a última actuación que está en obras agora mesmo. Facendo algúns tramos a pé, eses elementos permitirán salvar 49 metros de desnivel total, dende a rúa Marqués de Valadares ata a faldra do monte do Castro.

Outras secuencias que inclúen ascensores e ramplas axudan a superar alturas de 21 ou 35 metros, como acontece na Gran Vía.

"Agora mesmo na miña situación de mamá cun carriño si que as utilizamos moitísimo e axudan moito nunha cidade como Vigo onde todo son costas", di unha moza que sobe co seu bebé polas ramplas da Porta do Sol.

"Porque Vigo é así e cando un vai cumprindo anos agradécese", comenta outra muller mentres fai cos dedos un xesto para indicar pendente.

Arestora en Vigo funcionan catro series de escaleiras mecánicas, sete cadeas de ramplas (algunhas con varios treitos)  e nove ascensores públicos, como o icónico Halo. Están en obras máis e hai outros en proxecto.

O Concello dá dous datos: que investiu 53 millóns de euros no programa Vigo Vertical e que o ano pasado en todos os elevadores da cidade se fixeron dez millóns de viaxes, iso significa máis de 27.000 cada día.

"Vigo necesítaas porque hai moita xente maior, moita inclinación nas rúas...", asegura un veciño do centro que usa a diario un tramo de escaleiras.

"Facilita bastante o acceso ás vivendas que quedan aí arriba, facilítanos o traballo porque aparcamos e repartimos todo máis comodamente", explica un home que carga ao lombo unha garrafa de auga.

"E neste momento estamos facendo practicamente dous quilómetros máis de ramplas na Gran Vía. En Vigo as ramplas xa non hai quen as pare!", sentencia o alcalde de Vigo, Abel Caballero, falando do plan estrela do seu goberno no Concello.

A día de hoxe na cidade están en obras catro ramplas mecánicas e tamén un novo ascensor, o que conectará a rúa Marqués de Valterra con Torrecedeira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade