Ourense peonaliza varias rúas do centro da cidade
A partir deste venres queda prohibida a circulación de vehículos por varias rúas do centro da cidade, coa entrada en vigor da zona de baixas emisións
Os condutores que accedan estas poden enfrontarse a multas de ata 200 euros
Malia que hoxe entra en vigor a peonalización de varias rúas no centro de Ourense, a circulación de vehículos por elas foi a habitual, por desinformación, por descoñecemento ou por confusión entre os condutores.
Algúns veciños sinalan que non viron nin sinal nin nada e outros destacan que "Aquí os coches pasan coma un día calquera, non hai ningunha novidade, pasan coches seguido".
Polo costume de circular habitualmente por estas rúas, a maioría dos condutores non se decataron do sinal que establece a prohibición.
"Eu non o vin, só sei que subín no autobús, na liña 6, que vai á residencia, e despois vin tamén o 5, que vai a Ceboliño, e están facendo o mesmo itinerario e vexo que os coches particulares tamén seguen facendo o mesmo. Non sei cando empezará a exercer o tema, non o sei", afirmaba un ourensán.
"Seguen pasando coches, e non se van dar de conta. Din que empezan a multar a partir de hoxe, a ver se é verdade ou non, non o sei", contaba un veciño da cidade, confirmando a desinformación xeral dos veciños acerca deste tema.
Circular por estas rúas considérase desde hoxe unha infracción, e ten unha sanción de 200 euros. Por iso, e para que os condutores sexan máis conscientes da prohibición, os técnicos do Concello estudaban esta mañá a instalación de novos sinais de prohibición máis visibles.