Sara Rodríguez: "Moita xente do Bierzo xa non entende as palabras da miña infancia"
O Dicionario do galego do Bierzo recolle 15.000 termos coas súas definicións e as súas variantes
Na variedade lingüística do Bierzo destaca a converxencia da lingua galega, na metade occidental e da lingua leonesa, na oriental
O obxectivo deste dicionario, editado pola Universidade Vigo, é preservar e divulgar este importante patrimonio lingüístico
Na chaira do Bierzo conflúen desde hai séculos o galego e o astur-leonés, as linguas históricas desta comarca, con interferencias do castelán. O galego está recoñecido no Estatuto de Autonomía de Castela e León, pero alí non é lingua cooficial. Sobrevive en boa parte, nas voces dos avós.
Aricar, farragús, letoirar ou chambomba son algún dos termos que están desaparecendo desa fala pero que a investigadora Sara Rodríguez recolle no Dicionario do galego do Bierzo.