Publicador de contidos

Publicador de contidos

"Putín será o primeiro que esgote o catálogo de crimes da Corte Penal Internacional"

"Putín será o primeiro que esgote o catálogo de crimes da Corte Penal Internacional"

O profesor de Dereito Penal Internacional da Universidade Complutense Manuel Ollé Sesé afirma que coa orde de detención contra Putin a CPI envía a mensaxe de que os crimes de guerra non van quedar impunes

Nunha entrevista na Radio Galega, Manuel Ollé cre que a Corte da Haia ampliará en breve os cargos contra o presidente ruso, acusándoo de crimes de lesa humanidade e xenocidio

Vladimir Putin na recente visita que realizou á cidade de Mariupol
G24.gal 21/03/2023 10:31

O profesor de Dereito Penal Internacional, Manuel Ollé Sesé, asegura que a orde de detención contra Vladímir Putin emitida pola Corte Penal Internacional ten un importante valor simbólico, na medida en que se dirixe contra o presidente dun país que é membro permanente do Consello de Seguridade das Nacións Unidas.

Manuel Ollé Sesé lembra que nin Rusia nin os Estados Unidos nin Ucraína recoñecen a xurisdición da Corte Penal internacional e ve difícil que a orde de detención contra Putin se faga efectiva.

"Rusia vai, loxicamente, desatender a orde internacional de detención"

"É evidente que Rusia vai, loxicamente, desatender a orde internacional de detención ditada pola sala de cuestións preliminares da Corte Penal Internacional. A única posibilidade pasaría porque cambien as tornas políticas en Rusia, que tampouco parece que sexa probable, ou que Putin, nesa actitude que está tendo estes días, provocadora, de movemento, se desprazara a calquera outro país e fose capturado", asegura o especialista en Dereito Penal Internacional.

"Cómpre lembrar que a Corte Penal Internacional non ten unha policía propia e depende da cooperación dos estados. Se os estados non cooperan na detención de Putin e na entrega á Corte penal internacional e o presentan na Haia que é onde está a sede, vai ser materialmente imposible", conclúe.

"Os EUA veñen recoñecer tacitamente a lexitimidade da Corte Penal internacional"

O profesor Ollé destaca o cambio de actitude dos Estados Unidos e Ucraína respecto da Corte Penal Internacional. 

"Parece que os EUA deron un xiro. Os Estados Unidos non só non recoñecen a Corte Penal Internacional, senón que mesmo foron dos máis críticos e tentaron, se se me permite a expresión, bombardeala xuridicamente para evitar o seu funcionamento desde sempre", afirma.

"Cando se investigaba as actuacións en Afganistán e outros países, os Estados Unidos incluso iniciaron accións contra a propia fiscal da Corte Penal Internacional. Pero agora parece que deron un paso: sen prexuízo de que non a recoñezamos, de que non asinamos, veñen recoñecer tacitamente a lexitimidade da Corte Penal internacional", engade.

"O que están dicindo os EUA é: nós non a queremos para nós, o cal é moi egoísta, pero si a queremos para os demais".

"Ucraína, por razóns longuísimas de explicar, non a asinou, pero no 2014, cando se produciron as primeiras invasións, someteuse voluntariamente á xurisdición da Corte Penal internacional para que esas situacións se enxuizaran", explica o profesor. 

"Hai que lembrar que a Corte si ten xurisdición sobre o crime de xenocidio, de lesa humanidade e para o crime de guerra. Lamentablemente, o crime de agresión non vai poder ser xulgado na Corte porque nin Rusia nin Ucraína asinaron o estatuto da Corte Penal Internacional".

"Lembarán o caso Pinochet. Pinochet desafiou daquela todo o que había que desafiar ao amparo do principio de xurisdición universal, presentouse en Londres e alí recibiu a orde internacional de detención do xuíz Garzón", recorda Manuel Ollé.

"A mensaxe que manda é dobre: acabouse a impunidade e a Corte vaise activar tarde ou cedo"

Aínda que non confía en que a orde de detención contra Putin se faga efectiva, cando menos a curto prazo, o profesor de Dereito Internacional cre que a actuación da Corte da Haia ten un importante valor simbólico.

"Non obstante, eu creo que o efecto simbólico que se produciu con esta situación é moi importante. Hai que lembrar que Rusia é membro permanente do Consello de Seguridade da ONU", asegura.

"E tamén o valor simbólico de que un tribunal de xustiza ditara unha orde de detención ao presidente dun país que pertence ao consello de seguridade da ONU, que por certo son os que teñen que garantir a paz, tamén ten un valor simbólico importante".

"A mensaxe que se manda a comunidade internacional é dobre: por unha parte, acabouse a impunidade na medida en que se poida realizar efectivamente a xustiza; por outra, coidado, porque quen cometa un crime destas características debe saber que a Corte se vai activar e tarde ou cedo poden acabar sentados no banco dos acusados na sede da Haia".

"Fai falta ser perverso para esgotar o catálogo dos delitos"

"Estou convencido por razóns lóxicas que en breve a Corte Penal Internacional, máis alá de que estea secreta a investigación, vai ampliar a orde internacional de detención contra Putin e eses cargos, provisionalmente imputados a Putin, por xenocidio. Non teño a menor dúbida", sostén o profesor.

"Fai falta ser perverso para esgotar o catálogo dos delitos do estatuto da Corte. Sen lugar a dúbidas, o crime de agresión desde hai un ano cando se produciu a invasión ilexítima contra a soberanía e a independencia".

"En segundo lugar, o crime de guerra, non só a deportación dos nenos, senón os asasinatos de civís, en hospitais e todas as barbaridades que se están cometendo a raíz do crime de agresión, violacións a mulleres como arma de guerra, que é absolutamente horroroso".

"E por último, o crime de lesa humanidade e o de xenocidio, que por suposto que se dá tamén", conclúe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade