O vento arrinca o tellado completo dunha casa en Salvaterra de Miño
As pranchas saíron voando e caeron a uns cincuenta metros de distancia
A auga filtrouse á zona da vivenda que, de momento, non se pode utilizar
Noite cruel en Salvaterra de Miño. O vento arrincou por completo o tellado dunha vivenda unifamiliar no barrio de Cimadevila, na parroquia de Fornelos.
Durante a tarde do luns, a familia que vive alí estivo sentindo o ruído do aire que golpeaba a cuberta ata que pouco antes de medianoite un refacho levantou todo o tellado, de panel metálico, e o levou, literalmente, voando. As pranchas caeron a uns cincuenta metros de distancia, xa fóra do seu terreo.
Por fortuna, a familia, que ten nenos pequenos, non sufriu danos pero a casa quedou completamente exposta á chuvia, sen ningunha protección. O espazo baixo a cuberta é un faiado no que os propietarios tiñan gardados diferentes obxectos pero a auga tamén acabou por se filtrar ao andar intermedio, a zona da vivenda, que de momento quedou inhabitable.
Como comentaba abraiado un veciño da zona, a borrasca Joseph trouxo vento moi forte tamén ao interior de Pontevedra.