O IVE da luz e do gas volve ao 21 % e aumentará as facturas de fogares e pequenas empresas
O 1 de xuño rematan as rebaixas de impostos da enerxía aprobadas polo Goberno pola guerra en Irán
Malia que o crecemento dos prezos se moderou, a previsión é que sigan altos durante o verán
O luns o café sentará igual de ben, pero facelo custará un chisco máis. O 31 de maio deixan de estar en vigor algunhas das medidas extraordinarias aprobadas polo Goberno central para atenuar os efectos da guerra en Oriente Medio.
En marzo, o Executivo rebaixou o IVE da electricidade e do gas do 21 ao 10 % para os pequenos e medianos consumidores. Pero na norma xa estaba previsto que os descontos estarían condicionados á evolución dos prezos.
Dende aquela, grazas ao peso das renovables, os custos da enerxía en España moderáronse. Non baixaron pero frearon o seu aumento. Por iso, a partir do 1 de xuño, o IVE da electricidade e do gas volverá ao 21 %. Segundo calculan distintas empresas distribuidoras, nun fogar tipo a factura pode aumentar entre 5 e 12 euros ao mes, dependendo dos contratos de cada quen. Nunha empresa, vaise notar algo máis.
"Aforrar en electricidade é algo complicado porque ao final non imos apagar a luz, non imos apagar a cafeteira, non facemos nada. Así que o que facemos é fiarnos un pouco dos asesores comerciais cando veñen vender a electricidade", admite Rubén Muñiz, da cafetaría Moi Bo de Pontevedra.
É o que nos di o asesor é que na práctica pouco se pode aforrar xogando cos horarios. Vendo en conxunto os prezos da enerxía e as peaxes que se marcan para cada franxa, a electricidade custa case o mesmo as 24 horas do día.
"Que os consumidores accedan ao comparador da CNMC (Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia) e revisen as ofertas e as tarifas contratadas. Eu vou máis por unha parte contractual e unha parte de prezos, porque moitas veces deixamos correr os contratos e non revisamos os prezos aplicados", aconsella Christian Canosa, consultor especializado de Attica Energía.
O luns tamén volve á taxa anterior o Imposto Especial da Electricidade e a previsión é que, en xeral, os prezos da enerxía sigan á alza este verán porque, aínda que rematase a guerra en Irán, os efectos vanse notar durante meses. É unha tendencia que continuará afectando a negocios que dependen completamente da electricidade.
"Nós nos imos subir prezos. Entendemos que a volta do IVE ao 21 por cento vai repercutir en todas as facturas e a todas as persoas", asegura Ánxela Estévez, do salón de peiteados Sandra Lomba de Pontevedra.
En xuño si seguirán en vigor outros descontos, como o Bono Social ou os impostos reducidos aos carburantes.