Publicador de contidos

Publicador de contidos

O fracaso do decreto ómnibus deixa no aire o bono eléctrico e descontos para autónomos e vivenda

O fracaso do decreto ómnibus deixa no aire o bono eléctrico e descontos para autónomos e vivenda

Máis dun millón de clientes pode perder a rebaixa no prezo da electricidade

Queda en suspenso a prohibición de desafiuzar familias vulnerables

G24.gal 28/01/2026 14:48

O freo no Congreso ao decreto ómnibus deixa aparcadas axudas e descontos para unha morea de colectivos. Millóns de pensionistas agardan con incerteza un acordo alternativo que garanta a suba das pagas. Pero, ademais, hai outros moitos grupos que poden quedar sen axudas ou bonificacións coas que viñan contando. Para empezar, os beneficiarios do bono social eléctrico, un millón setecentos mil clientes en España, segundo os últimos datos oficiais. Arestora teñen descontos na factura de entre un 42,5 % e un 57,5 %. E son, claro, usuarios recoñecidos como vulnerables. 

"Recibindo o bono xa lles custa moito chegar a fin de mes e teñen que vir a asociacións como a nosa a buscar axudas en alimentos ou hixiene. Se non saíse ese bono, terían que dedicar os poucos recursos que teñen a pagar as facturas", explica o coordinador de proxectos en Vigo da oenegué Vida Digna, José Rodríguez.

No ómnibus viaxan tamén descontos para algúns autónomos. Depende do sector e da facturación, hai profesionais que xa non poderían cotizar por módulos. Así, traballadores por conta propia do transporte ou do comercio minoritario terían que pagar máis impostos.

"Moitos autónomos que agora están nese sistema de módulos caerían fóra dese sistema e terían que ir a estimación directa, o que pode resultar en máis impostos e que digan que xa non paga a pena ser autónomo", asegura a delegada en Pontevedra da Asociación de Traballadores Autónomos, Bernadette Nuijen.

E sen decreto quedan na neveira varias medidas sobre vivenda. Unha das máis coñecidas é que se suspende a prohibición de desafiuzar familias vulnerables que non paguen o alugueiro. Pero tamén perden algúns propietarios, porque se anula o desconto no IRPF para as vivendas baleiras, as declaradas así de xeito oficial que, entre outros requisitos, deben levar sen uso máis de dous anos. Do 1,1 % de IRPF pasarán a pagar o 2 %.

"Falando sempre de valor catastral, temos o exemplo dunha vivenda cun valor catastral de cen mil euros. Se agora está pagando mil cen euros pasaría, co IRPF no dous por cento, case ao dobre, dous mil euros", indica Josué Gándara, da inmobiliaria Doval.

Tamén quedan no aire axudas verdes: deducións para obras de eficiencia enerxética ou incentivos para mercar coches eléctricos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade