Publicador de contidos

Publicador de contidos

"Hai Semana Santa de Viveiro desde que hai Viveiro. É unha identidade de vila"

"Hai Semana Santa de Viveiro desde que hai Viveiro. É unha identidade de vila"

A celebración nesta vila da Mariña é a única de toda a cornixa cantábrica declarada de Interese Turístico Internacional

G24.gal 14/04/2022 10:09

A Semana Santa de Viveiro reúne fervor e sentimento, máis agora que recuperan o esplendor, despois de dous anos de limitacións. Unha Semana Santa, declarada de Interese Turístico Internacional

Xesús Martínez, historiador e guía turístico, explica a importancia dese recoñecemento: "Somos a primeira Semana Santa recoñecida de Interese Turístico Internacional en toda a cornixa Cantábrica".

"Hai Semana Santa de Viveiro desde que hai Viveiro", di este profundo coñecedor da tradición desta vila da Mariña. "Viveiro tivo unhas murallas, seis portas, cun casco histórico dos máis importantes do país. Estamos falando dos tempos do reino Galicia, dos tempos de Afonso IX, dos tempos do Pórtico da Gloria. Era un Viveiro puxante, con moita vida económica, e coa chegada de franciscanos e dominicos, moito dinamismo, cunha Semana Santa que vai xurdindo, sendo moi popular e didáctica, alá polo século XIII, por iso somos singulares".

Unha desa singularidade está nun léxico propio de Viveiro para referirse á Semana Santa. "Organizámonos en coias, con moito sabor mariñeiro, e os que van debaixo dos pasos son levadores, os costaleiros son doutras latitudes" di Xesús Martínez que asegura que "é sobre todo unha identidade de vila".

Para vivir esta Semana Santa el recomenda "buscar un lugar de esquina, que che permita ver como os pasos se van cinguindo ás dimensións estreitas das rúas de Viveiro, e que se deixen levar polo espírito. Aquí non hai barroquismo, aquí hai recollemento, e hai que ver como se vive isto".

E logo de dous anos, case tres, xa que o anterior á pandemia a Semana Santa fora chuviosa e deslucira os actos, en Viveiro "hai gañas de Semana Santa". "Nótase moitísimo. A xente quere saír e atoparse con amigos e familiares", di Domingo González, presidente da asociación Beiras, que agrupa comerciantes e hostaleiros.

E iso reflíctese na afluencia de turistas. "Xa hai moitos hoteis co cartel de completo colgado", asegura Domingo, que cre que "a Semana Santa de Viveiro é o mellor embaixador que podemos ter".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade