Publicador de contidos

Publicador de contidos

Garaxe ou rocho? A lei permite gardar cousas nunha praza, pero as comunidades poden limitalo

Garaxe ou rocho? A lei permite gardar cousas nunha praza, pero as comunidades poden limitalo

A Lei de Propiedade Horizontal só prohibe almacenar elementos que causen molestias ou poidan ser perigosos

Os conflitos por coches que sobresaen das prazas son frecuentes pero rara vez acaban nos xulgados

G24.gal 18/12/2025 15:03

A Audiencia Provincial de Pontevedra confirma a condena a un home de Vigo que aparcaba invadindo a praza de garaxe duns veciños. Non só pisaba o espazo dos outros senón que, ademais, colocara unhas bicicletas que ocupaban parte da súa superficie e unha porción da zona común.

É un conflito habitual entre veciños porque as normas non sempre se poden respectar de xeito estrito e mesmo poden xerar dúbidas. Algúns coches sobresaen das liñas e tamén hai xente que garda moitos trastes nos garaxes, o que, ás veces, provoca protestas dos demais.

En principio, unha praza de garaxe é unha propiedade individual e o titular pode almacenar dentro dos seus límites diferentes cousas. A Lei de Propiedade Horizontal só prohibe que se garden elementos que causen molestias ou poidan ser perigosos. Pero moitas veces hai limitacións nos estatutos de cada comunidade.

"A norma non limita, os que limitan son estatutos. E case todos os edificios limitan pero, sobre todo, os modernos. Os de antes, non limitaban e de aí que se entras nun garaxe miras que case todo o mundo ten o colchón da praia, a tenda de campaña... E non son cousas que se poidan limitar sen acordo da comunidade", explica Ana Pérez, avogada viguesa especialista en urbanismo.

"Si temos moitos casos de xente que garda a táboa de surf, unha piragua, xente que ten aquilo como un rocho... Eu teño unha comunidade na que tiñan unha bombona de gas butano no garaxe", relata Antonio Maigler, administrador de inmobles.

Pero hai quen se pasa da liña. Os conflitos sobre o espazo nos garaxes son frecuentes aínda que rara vez acaban nos tribunais.

"Ás veces sabemos que os coches grandes sobresaen medio metro pero pode arranxarse con certa solidariedade, intentar aparcar ben", apunta o administrador Antonio Maigler.

"Polo xeral hai que recomendarlle a un cliente que non vaias abusando porque non che van dar a razón no xulgado", aconsella a avogada Ana Pérez.

A maioría segue o consello. A maior parte dos xuízos entre veciños son por asuntos de cartos. Débedas, derramas ou obras feitas sen autorización.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade