Publicador de contidos

Publicador de contidos

Salto na industria naval: Ferri inaugura en Gondomar o maior banco de probas para guindastres de Europa

Salto na industria naval: Ferri inaugura en Gondomar o maior banco de probas para guindastres de Europa

Agora poderá facer in situ os ensaios dos enormes aparellos que fabrica antes de que se instalen nos barcos

O Ministerio de Defensa destaca esta obra como un paso adiante na independencia tecnolóxica militar de España

G24.gal 18/05/2026 15:00

Mil trescentas toneladas de formigón, cen toneladas de aceiro. As cifras impresionan. Industrias Ferri, histórica auxiliar do naval, acaba de dar un salto adiante nas súas instalacións do polígono da Pasaxe, en Gondomar. A empresa inaugura o maior banco de probas para guindastres de Europa.

É, dito de xeito simplicado, unha plataforma exterior na que se poden colocar os enormes guindastres que fabrica esta compañía. Falamos de aparellos que poden pesar máis de cen toneladas e que teñen que levantar cargas inmensas.

Son grúas tan grandes que ata agora só se podían probar unha vez montadas nos barcos. Pero con esta obra Ferri poderá facer os ensaios na súa sede, aforrar tempo e cartos e mellorar a seguridade nas probas, que se poderán facer en terra firme.

"De xeito que se queren facer cambios é moito máis doado xa que estamos nas propias instalacións do fabricante. Unha máquina destas, cando se instala nun barco, desinstalala para facer cambios é carísimo", explica o director de Industrias Ferri, Patricio Fernández.

O banco de probas xa ten uso. Ferri está revisando agora mesmo as pezas do guindastre que está a construír para o novo buque de apoio a submarinos da Armada española, o chamado BAM-IS.

Por iso ao acto deste luns en Gondomar asistiu o máximo responsable de compras do Ministerio de Defensa, o director xeral de Armamento e Material. Alí explicou que para as Forzas Armadas é un obxectivo fundamental camiñar cara á independencia tecnolóxica. Que a maior parte do seu material militar se fabrique en España, para non ter depender doutros países.

"Porque se non tes autonomía estratéxica non tes seguridade de defensa porque dependes doutros incluso para a operatividade e a utilización", asegura o almirante Aniceto Rosique.

Ferri, pola contra, traballa para varios países, tanto para clientes privados como para as administracións públicas. Na súa nave de Gondormar hai agora mesmo pezas -enormes estruturas- para Bélxica, Canadá e Chile. Hai anos que fabrica compoñentes para distintas armadas, un mercado que nestes momentos está crecendo.

"Agora mesmo é un sector que está en pleno auxe e a demanda de clientes tanto españois como de todo o mundo está en alza", confirma o director de Produción de Ferri, Sabino Pardal.

Para España Ferri está arestora con outro encargo rechamante: as escadas, e as súas portas móbiles, para as fragatas da clase F-100 que se constrúen en Navantia Ferrol, das que xa entregou un pedido e ten en Gondomar en marcha o segundo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade