Publicador de contidos

'Enraizados': unha mostra que propón unha viaxe á Galicia dos séculos XIX e XX

'Enraizados': unha mostra que propón unha viaxe á Galicia dos séculos XIX e XX

A exposición etnográfica da Agrupación Queixumes dos Pinos conta con máis de 600 pezas sobre o xeito de vida e os traballos no rural

Queren que a xente do século XXI coñeza como vivían os nosos antepasados

A mostra está aberta a todo o público no seu local en Ourense

A mostra 'Enraizados' pode verse no local da Agupación Queixumes dos Pinos en Ourense
G24.gal 24/11/2021 21:28

Convidámolos a visitar a exposición 'Enraizados' que se pode ver no local da agrupación Folclórica Queixumes dos Pinos en Ourense. A través dos apeiros de labranza ou os teares propoñen coñecer a vida cotiá dos nosos antepasados. 

Unha exposición con máis de 600 pezas que foron recollendo ao longo dos 28 anos de historia da agrupación folclórica polas aldeas das provincias de Lugo e Ourense. 

A moitos e a moitas estes apeiros de labranza traeranlles lembranzas dun tempo pasado na Galicia rural que xa non existe.  Queren que a xente do século XXI, sobre todo os máis novos, coñeza como era o xeito de vida e os traballos na Galicia rural de finais do século XIX e o século XX. 

José Antonio Viñas, o director da agrupación folclórica ourensá anima os colexios a que contacten con eles para que os nenos e as nenas saiban como se facían os tecidos ou a vendima hai máis dun século e poderán facer un percorrido pola historia cunha guía e un vídeo explicativo. 

Entre as pezas máis antigas contan cun torno do século XIX para facer gaitas, pero tamén teñen unha mostra dunha casa galega, ou a escola da segunda República. 

A Agrupación Queixumes dos Pinos de Ourense leva 28 anos recollendo, ademais de cantigas, todo este material polas aldeas, a maioría son doazóns ou cesións de xente das aldeas das provincias de Lugo e Ourense. Animan a todo o mundo que queira colaborar para seguir ampliando esta mostra etnográfica. 

Un percorrido polas tradicións e o xeito de vida cotián, cando non había nin luz, nin móbiles e as redes sociais eran outras moi distintas. 

Delia Blanco, vive en Ourense desde hai case seteta anos, pero di que non esquece os seus tempos na aldea de Santa Ana, en Sandiás. Lembra cando os domingos de inverno se xuntaban para tocar a pandeireta e bailar. E o mellor, asegura, é "a unión que había entre a xente, se alguén precisaba algo ían todos a axudarlle". "Son recordos moi bonitos", di. 

José Antino Viñas convida a todo o mundo a visitar esta mostra divulgativa que pretende seguir medrando. Di que se coñecemos de onde vimos ao mellor o futuro como país e como sociedade pode que sexa mellor.

Esa é a proposta: coñecer o pasado para entender mellor o presente, saber quen fomos para descubrir o que queremos ser neste século XXI.

A exposición conta con máis de 600 pezas recollidas polas aldeas A exposición conta con máis de 600 pezas recollidas polas aldeas
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos