Vítimas da ETA critican que o Goberno vasco autorice a semiliberdade para varios asasinos
O último caso coñecido é o de Juan Ramón Carasatorre, autor da morte de Gregorio Ordóñez
A Administración aplica un artigo do Regulamento Penitenciario que permite que os presos saian durante o día
Txeroki, antigo xefe da banda terrorista, tamén pode deixar a prisión cada mañá
O Parlamento vasco celebrou en medio da polémica a homenaxe que cada ano lle rende aos catro deputados asasinados durante os anos do terrorismo. Acaba de saberse que o asasino dun deses políticos, o popular Gregorio Ordóñez, obtivo un réxime de semiliberdade que dende principios de ano lle permite saír cada día de prisión. É Juan Ramón Carasatorre, que cumpre condena por tres crimes, entre eles matar dun disparo a Ordóñez en 1995 nun restaurante de Donostia.
O Goberno vasco aplicoulle un artigo do Regulamento Penitenciario, o 100.2, que lle autoriza a saír diariamente do cárcere como vía para ir preparando a súa reinserción social, para que poida traballar ou colaborar nalgunha entidade benéfica.
Carasatorre únese así a outros dous coñecidos etarras que obtiveron a semiliberdade as últimas semanas. Outro é Txeroki, un dos antigos xefes de ETA, con condenas que suman case catrocentos anos de prisión, e que dende o pasado 10 de febreiro pode saír cada mañá do cárcere de Martutene.
Tamén é coñecido o caso de Asier Arzalluz, condenado polo asasinato do xornalista López de Lacalle.
As asociacións de vítimas, como a Covite que dirixe precisamente da irmá de Gregorio Ordóñez, critican estas decisións. Consuelo Ordóñez acusa ao Goberno vasco de aplicar o regulamento de xeito fraudulento para liberar presos da ETA. O executivo autonómico négao.
"Respectamos escrupulosamente a legalidade na progresión de grao dos reclusos nos cárceres vascos, sexan reclusos da ETA ou non", aseguraba a portavoz do Goberno vasco, María Ubarretxena.
Os críticos sinalan que, dende que recibiu do Goberno central a competencia sobre as prisións, en 2021, o Goberno vasco está a conceder beneficios en especial a presos terroristas. Os datos do propio executivo confirman que o 85 % das semiliberdades concedidas ata o verán pasado foron para condenados da ETA.
Os especialistas consideran que o artigo 100.2 do Regulamento Penitenciario é unha medida excepcional que se debe valorar en cada caso. Nos últimos anos aplicóuselles a outros condenados en asuntos de sona, dende os presos do procés catalán, a Iñaki Urdangarin ou o extesoureiro do PP, Luis Bárcenas.