Publicador de contidos

Publicador de contidos

"Apuntoume coa pistola e díxome: 'Métete dentro que che pego un tiro'"

"Apuntoume coa pistola e díxome: 'Métete dentro que che pego un tiro'"

O empregado dunha gasolineira en Cerponzóns, Pontevedra, encárase a un atracador e consegue que fuxa sen botín, axudado polos veciños

O individuo empuñaba un coitelo de cociña e unha arma de fogo

G24.gal 13/04/2022 14:51

Co susto no corpo e unha afonía provocada polos berros que alertaron os veciños, Miguel, o empregado da quenda de tarde na estación de servizo de Cerponzóns, en Pontevedra, revive un dos momentos máis angustiosos da súa vida. Pasaban uns minutos das dez da noite do luns, pouco antes de que rematara a xornada.

"Vexo unha persoa correr directamente cara a min cunha pistola e un coitelo na man... e a miña reacción foi ir correndo cara el", explica. "Apuntoume coa pistola e díxome: 'Métete dentro, fillo de puta que che meto un tiro', e fixo dous amagos de cortarme co coitelo pero eu tiña os brazos levantados e, ou non quixo ou non foi capaz", prosegue. "O que fixen foi seguir indo cara el e empezar a berrar forte ata que xa me acudiron os veciños".

Foron os veciños dunha vivenda próxima os que escoitaron os fortes berros de Miguel e inmediatamente acudiron no seu auxilio, cando o atracador xa estaba recuando sen o botín que buscaba. Un deles tamén quixo ir buscalo "pero xa lle dixo que non fora que lle metía un tiro a el tamén".

Ao parecer, fuxiu coa pistola de cor negra e co coitelo de cociña de grandes dimensións nun coche que estaba agochado nas proximidades, non se sabe se cun acompañante ou só.

Miguel non só frustrou o atraco, tamén tivo tempo de reter na súa memoria unha completa descrición do suxeito, que non lle sae da cabeza. "Aínda teño bastantes nervios e non son quen de descansar de noite, pero pouco a pouco", di, porque "no momento non pensas que podía darme un tiro ou cortarme co coitelo e deixarme tirado".

As cámaras de seguridade do establecemento captaron parte do incidente, e xa están sendo analizadas pola Policía Nacional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade