Publicador de contidos

Publicador de contidos

Antonio Murado: "Agora concédome moita máis liberdade para facer o que realmente quero"

Antonio Murado: "Agora concédome moita máis liberdade para facer o que realmente quero"

O pintor galego Antonio Murado regresa dende Nova York para presentar 'Lenzos' na Coruña

Vilaseco edita un libro, que acompaña a mostra, resumindo a traxectoria do artista

A súa obra máis recente evoluciona cara eliminación do accesorio na procura da austeridade formal

Antonio Murado cunha das obras que mostra na Galería Vilaseco da Coruña
G24.gal 17/12/2021 09:21

'Lenzo' é o título da mostra que o pintor galego residente en Nova York Antonio Murado amosa na Galería Vilaseco da Coruña. As obras son unha selección de pezas que realizou nos últimos anos e que tiña gardadas no seu estudio. 

Trátase dun traballo que tamén recolle o libro que acompaña a mostra e no que se resume a súa longa traxectoria artística. Con texto de María de la Vega, inclúe moitas fotografías realizadas polo propio Murado. Está editado por Vilaseco en dous formatos, un deles especial, forrado a man cun lenzo pintado polo artista.

O seu traballo, que transita entre a abstracción e o figurativo, está en continua reinvención do proceso creativo. Un exemplo cóntanolo o propio artista cando explica que algúns dos seus cadros de gran formato foron pintados no exterior da casa que ten nas montañas do estado de Nova York, onde a herba pasou a se converter nunha gran brocha coa que rematar a textura dalgúns lenzos.

A utilización da cor tamén se emprega cun valor simbólico. E como o resto da súa obra máis recente, estes cadros gravitan cara á eliminación do accesorio, intentando destilar o esencial, facilitando a participación do espectador á hora de xerar sensacións: imaxinar, intuír, descubrir ou engadir a súa propia experiencia persoal á hora de interaccionar cos lenzos.
Nesta etapa de madurez, Antonio Murado asegura: "agora concédome moita máis liberdade para facer o que realmente quero".

Este lucense de recoñecida traxectoria internacional, licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, realizou numerosas exposicións individuais e colectivas por todo o mundo. 
A mostra Lenzo está aberta ao público ata o 25 de xaneiro de 2022. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade