A construción industrializada chega ao turismo: montan por módulos un bloque de apartamentos en Baiona
A construción industrializada chega ao turismo: montan por módulos un bloque de apartamentos en Baiona
As casas ensámblanse nunha nave de Gondomar e transpórtanse nun camión especial
Todo o proceso leva menos dun ano e a empresa espera poder abrir o aloxamento en maio
O futuro da construción xa se pode ver nunha nave industrial de Gondomar. Unha empresa da vila rematou baixo teito a fabricación dos 24 módulos que comporán un novo bloque de dez apartamentos turísticos en Baiona. Son vivendas dun e de dous dormitorios que se transportan por estrada para instalarse nun terreo en Sabarís, preto da praia da Ladeira. Saen da nave case rematados.
"Aquí faise aproximadamente o oitenta por cento do traballo. A idea é que vaian practicamente rematados para que quede o mínimo posible na fase de instalación en obra", explica Daniel Rodríguez Dacuña, o impulsor de Encaixa Modular.
Os apartamentos teñen entre 40 e 60 metros cadrados. Poderían facerse nun único módulo e levalos así ata o seu destino. Pero neste proxecto foi necesario dividir cada vivenda en dúas ou tres pezas. O terreo no que se están colocando ten acceso por un camiño estreito polo que non podería pasar unha carga demasiado ancha. Cada módulo pesa entre dez e once toneladas. Un guindastre colócaos suavemente nun camión de transporte especial.
"Corres dun lado para o outro, mirando de non tocar e facéndoo o mellor posible", relata Víctor Rodríguez, gruísta e condutor de Transportes Alonso Doural.
"Unha parte moi importante da colocación dos módulos son as medidas, que estean todas exactas, niveladas, para que nos encaixe todo perfecto", conta o xefe de obra de Encaixa Modular, Francisco Gago, que supervisa a colocación de cada estrutura.
Proxección de como quedará o bloque de apartamentos unha vez instalados en Sabarís.
O traballo na nave, dende a fase de deseño inicial, levou uns sete meses. Despois de colocar cada módulo no terreo, quedará outro mes.
"A gran vantaxe é o tempo de execución. Nuns sete meses e un pouquiño máis que nos vai levar a obra, teremos os apartamentos acabados", asegura o director de Marketing de ModulSuites Apartamentos, Yago Díaz.
A empresa espera poder abrir os apartamentos en maio. Se se cumpre o previsto, xa poderán recibir viaxeiros este mesmo verán.