O Camiño de Santiago bate a súa marca oficial co peregrino 438.308
José Manuel Borrás, de 79 anos e natural de Logroño, recibe a credencial
José Manuel Borrás, un logroñés de 79 anos asentado en Huelva desde hai décadas, recibiu este domingo en Santiago a acreditación que o converte no peregrino 438.308 deste 2023.
Deste xeito, o Camiño bate a súa marca oficial cando aínda faltan cincuenta días para rematar o ano e sen que sexa ano xacobeo.
A José Manuel sobráronlle quilómetros para recibir a credencial de peregrino, xa que nesta ocasión percorreu máis dun milleiro desde Málaga. Hai dez anos xa fixera a ruta desde Huelva, pola Vía da Prata.
O presidente da Xunta e o deán da Catedral de Santiago, José Fernández Lago, recibírono na praza de Praterías para entregarlle a continuación a compostela. Borrás asegurou estar "emocionado" e sorprendido pola acollida.
Alfonso Rueda dixo que era un peregrino "pata negra" e gabou o Camiño como experiencia compartida e exemplo de colaboración. Asegurou que aínda ve marxe para que os números sigan medrando, pero "con sentidiño".
José Manuel Borrás relatou a súa experiencia que, segundo declarou, viviu con moita ilusión e amor, en parte por motivos relixiosos e en parte por motivos persoais.

Marca absoluta
O 2023 volverá marcar un récord absoluto oficial de chegada de camiñantes malia non ser Ano Santo, xa que a estas alturas do ano xa se bateu a rexistrada en 2022, que si foi declarado Xacobeo por decisión do papa Francisco por mor da pandemia.
A chegada da covid-19 cortou de raíz o ascenso que se viña producindo nos anos anteriores. Aínda así, 54.144 persoas selaron a compostela no 2021.
En 2017 o Camiño superou por primeira vez os 300.000 peregrinos, unha cifra que en 2018 chegou a 327.378. En 2019 a marca chegou a 350.000 pero a pandemia truncou o ascenso.
En 2022 as diferentes rutas que chegan a Compostela achegaron 438.307 peregrinos, récord superado este domingo.