Xulgan doce membros dos CDR por delitos de terrorismo

Os integrantes están acusados de pertencer á facción radical dos Comités de Defensa da República e formular accións violentas nas sedes oficiais de Cataluña en 2019

G24.gal 03/11/2023 17:12 Última actualización 03/11/2023 18:58

A Audiencia Nacional abre xuízo contra os doce membros dos Comités de Defensa da República (CDR) por delitos de terrorismo. O xuíz do caso, Manuel García Castelló, sinala que os investigados, detidos en setembro de 2019 na coñecida Operación Xudas, conformarían "unha organización terrorista paralela, de carácter clandestino e estable, cuxo obxectivo sería o de levar a cabo accións violentas ou atentados contra obxectivos previamente seleccionados" empregando explosivos e substancias incendiarias fabricados en laboratorios clandestinos.

De acordo coa tese, os investigados, integrantes do Equipo de Resposta Táctica (ERT), unha das células radicais dos CDR, participaron en cortes de estradas, na creación dos centros de coordinación (CECOR) e asumiron o encargo recibido por parte do denominado "CNI catalán" coa infraestrutura loxística suficiente para ocupar e defender o Parlament de Cataluña.

O pasado mes de xuño a Fiscalía solicitou á Sala abrir xuízo contra doce investigados. O procedemento do tenente de alcalde do Concello de Sentmenat (Barcelona), Queralt Casoliva (CUP-Amunt), foi arquivado por problemas de saúde. Mentres, algunhas defensas pedían continuar practicando dilixencias de investigación, aínda que moitas foron consideradas "absolutamente" innecesarias para o tribunal.

A apertura deste xuízo contra os integrantes dos CDR, podería ser susceptible de encadrarse nunha futura lei de amnistía nun momento en que se atopa en pleno debate entre o PSOE e os seus socios parlamentarios.

Nun comunicado, a organización da esquerda independentista Alerta Solidaria e o Grupo de Apoio aos procesados denunciaron a "présa" dos xulgados con este caso xusto antes de que se faga efectiva a amnistía. Ademais, refírense a este xuízo como "unha das operacións de Estado máis sucias de represión contra o independentismo catalán".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade