Volve o mercado de doces relixiosos de Nadal á hospedería de San Martiño Pinario

Ofrecen produtos tradicionais de conventos e mosteiros de toda España

Amais dos doces clásicos hai panettone das Clarisas de Ourense e polvoróns con torreznos de Soria

G24.gal 08/12/2023 14:58 Última actualización 08/12/2023 16:17

A tenda da Hospedería de San Martiño Pinario é un escaparate habitual para os produtos feitos en conventos e mosteiros pero nestas datas amplía a oferta e os horarios e pon ton de mercado de Nadal.

O reclamo dos doces feitos en 20 obradoiros relixiosos de toda España fai que á visita habitual dos turistas se sume a da clientela local. Roscos, xemas, nonas, turróns, cocados, mantecados, tellas, panellets... Unha morea de receitas avaladas polas clarisas, franciscanas, xerónimas, agostiñas, dominicas ou outras ordes relixiosas ofrécense aquí para quen valore unha feitura artesá.

Predominan as receitas de toda a vida, pero os obradoiros conventuais tamén foron incorporando novidades foráneas cada vez máis populares, coma o panettone das Clarisas de Vilar de Astrés, en Ourense. 

E tamén hai espazo para a innovación, coma os doces con torreznos feitos en Soria. O ano pasado presentaron o turrezno de chocolate e este Nadal os polvorreznos. Vanesa López, unha das encargadas da tenda de San Martiño Pinario e organizadora do mercado, di que "parece raro, pero dá un toque que co doce non queda nada mal". 

O mercado de doces de Nadal manterase ata o 31 de decembro. Esta semana ademais ampliarán o horario da tenda ata as nove da noite. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade