Sumar querélase contra vogais e o presidente do CXPX polo acordo contra a lei de amnistía

O presidente interino do Consello Xeral do Poder Xudicial cre que "é unha manobra política que non ten sentido", mentres que desde a formación liderada por Yolanda Díaz aseguran que o CXPX trata de "incendiar" a sociedade

G24.gal 24/11/2023 12:09 Última actualización 24/11/2023 19:33

Sumar querelouse este venres ante o Tribunal Supremo contra o presidente interino do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), Vicente Guilarte, e os vogais conservadores do organismo pola súa "inaceptable intromisión" na función lexislativa do Congreso, ao autorizar e participar no Pleno extraordinario que propiciou a declaración institucional contra a Lei de Amnistía.

Concretamente, a denuncia do grupo parlamentario acusa a estes membros do órgano de goberno dos xuíces de incorrer nun presunto delito de prevaricación administrativa, que leva asociada a inhabilitación de exercer cargo público, por promover unha resolución "ilegal", "arbitraria" e que excede as competencias do CXPX.

E diríxese contra os seus oito promotores, os vogais Carmen Llombart, José Antonio Ballestero, Gerardo Martínez-Tristán, Juan Manuel Fernández, Juan Martínez Moya, José María Macías, Nuria Díaz Abad e María Ángeles Carmona.  

Tamén contra Wenceslao Olea, que votou a favor, e apunta a Guilarte, o presidente, que optou por votar en branco, como cooperador necesario ao permitir a convocatoria do pleno na que estes xuristas lanzaron a súa resolución contra a futura lei de amnistía. É dicir, formulan a súa querela contra os dez vogais conservadores do CXPX.

De feito, Sumar atribúe aos promotores desa declaración arrogarse atribucións que corresponde exclusivamente ao Tribunal Constitucional, ao pronunciarse sobre unha proposición de lei cando o texto normativo nin sequera existía nin estaba rexistrado.  

Sumar acusa ao CXPX de "incendiar" a sociedade

O portavoz de EU no Congreso e deputado por Sumar, Enrique Santiago, xustificou a querela ao sinalar que o CXPX tenta "incendiar" a sociedade cunha "grave inxerencia" que excedía as súas competencias.

Santiago referiuse así, en declaracións aos medios, ao rexistrar a querela no Tribunal Supremo. "O primeiro que incumpren é o que reclaman a outros órganos do Estado, que é o absoluto respecto á separación de poderes" porque "o mesmo respecto que esixen aos demais poderes para que non cometan inxerencias nas actuacións do Poder Xudicial omíteno nun pronunciamento no que están claramente facendo unha declaración política, que non ten fundamentación xurídica".

En concreto, citou que a resolución non menciona "ningunha soa norma, con frases que parecen proferidas por dirixentes políticos, con críticas directas ao presidente do Goberno" e, mesmo, "chegan a cuestionar a constitucionalidade dun acordo parlamentario". "Que deixen de facer política", engadiu.

Santiago subliñou que "o peor é que este acordo forma parte dunha estratexia deseñada en ámbitos políticos" na que "entran de forma impensable" os vogais do CXPX, a quen quere que o Supremo aplique a súa xurisprudencia sobre prevaricación administrativa porque "non hai ninguén por encima da lei".

Ademais, responsabilizounos de "incendiar o ambiente" e de dar pé con iso ás declaracións de asociacións de xuíces e fiscais, sindicatos e forzas de seguridade contra a norma.

Vicente Guilarte, presidente do CXPX: "é unha manobra política que non ten sentido"

O presidente interino do CXPX, Vicente Guilarte, dixo este venres que a querela de Sumar contra el e nove vocais deste órgano "é unha manobra política que non ten moito sentido que non ten moito sentido a día de hoxe e se o que estamos é tentando buscar fórmulas de pacificación de consenso e de renovación" do CXPX pois "non empezamos ben", manifestou.

O presidente do CXPX insistiu: "Estamos a tentar baixar a tensión e estas actitudes eu creo que non van a ningún sitio".

Sobre o ánimo co que afronta a reunión deste venres co novo ministro de Xustiza, Félix Bolaños, comentou que "estamos nun momento no que partimos de cero e imos empezar".

Con todo, aclarou que non é "axente para propiciar a renovación" do CXPX xa que a designación dos vogais corresponde ás Cortes.

O CXPX dobrará en decembro o seu período de mandato de cinco anos establecido pola Constitución ao non chegar a un acordo para a súa renovación os dous principais partidos, PSOE e PP.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade