PSOE e Junts "afinan" a lei de amnistía e avanzan na negociación

Sumar cre que haberá acordo de investidura con Junts "nas próximas horas"

Imaxe da primeira reunión entre Cerdán e Puigdemont
G24.gal 06/11/2023 10:25 Última actualización 06/11/2023 21:37

Os negociadores do PSOE e Junts seguen intercambiándose documentos este luns en Bruxelas sobre a futura lei de amnistía para tratar de pechar o acordo para a investidura do presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, segundo dixeron este luns fontes da negociación.

"A lei ten que estar afinada ata o último parágrafo e ata a última liña", dixeron as fontes citadas pola Axencia EFE, que non quixeron aventurar se hoxe se podería pechar o acordo.

O secretario xeral de Junts, Jordi Turull, e o presidente do partido no Parlament, Albert Batet, chegaron onte a Bruxelas para reunirse co expresidente catalán, Carles Puigdemont, que dirixe as negociacións por parte da formación independentista.

A eles sumouse hoxe a plana maior do partido, a presidenta Laura Borràs, Aurora Madaula, Anna Erra, Míriam Nogueres e David Saldoni, segundo confirmaron a EFE fontes de Junts.

Por parte do PSOE chegou onte a Bruxelas o seu número tres, Santos Cerdán, tras abandonar a cidade o venres pasado, cando as negociacións con Junts atascáronse pola falta de acordo sobre o perímetro da lei de amnistía.

"O acordo pode chegar en cinco horas ou en vinte", dixeron as citadas fontes da negociación.

Sumar cre que será "nas próximas horas"

Pola súa parte, o exdeputado e negociador de Sumar cos partidos independentistas cataláns para a investidura, Jaume Asens, sinalou que o acordo entre PSOE e Junts está na recta final, asegurando que se pechará "nas próximas horas, como moito mañá".

Asens indicou que non ve "ningún obstáculo importante" para que o acordo se poida asinar o máis pronto posible e a investidura de Pedro Sánchez se celebre "esta mesma semana".

O negociador explicou, nunha entrevista en RNE, que neste momento está a "afinarse a letra pequena" da amnistía para que "non haxa ambigüidade" e que "os xuíces non impoñan a súa vontade ao lexislador e se limiten a aplicar a lei".

Insistiu Asens en que están "na conta atrás, no tramo final dunha negociación que foi difícil pero que xa está a chegar á súa fin".

"É unha oportunidade histórica e que tanto o PSOE como Junts, como ERC e o resto de partidos, son conscientes de que non podemos desaproveitar porque se non sería darlle unha segunda oportunidade ao PP e a Vox", indicou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade