O Parlamento aproba só cos votos do PP unha proposta para rexeitar a amnistía

A oposición rexeitou esta proposta que ven unha rabecha do PPdeG ao non aceptar o resultado das eleccións do 23 de xullo

O endebedamento e o feminismo protagonizaron as preguntas ao presidente da Xunta durante a sesión de control

G24.gal 22/11/2023 08:59 Última actualización 22/11/2023 13:09

O Parlamento galego aprobou este mércores só cos votos do PP unha proposta para rexeitar a amnistía, mentres que os partidos da oposición, BNG e PSdeG, cren que traer esta cuestión ao Parlamento demostra que os populares son contrarios a todos “os avances democráticos”.

Na súa intervención para defender a proposta, o portavoz do PPdeG no Parlamento, Alberto Pazos, lamentou que os representantes dos grupos da oposición non dean apoio a un rexeitamento á amnistía, que é un sentir “maioritario da sociedade civil española e sen dúbida da sociedade galega”.

No texto, os populares rexeitan calquera tipo de amnistía ou indulto xeneralizado para calquera grupo de cidadáns, calquera que sexa o seu delito e “considerar que o imperio da lei é a expresión da vontade popular, tal e como establece o preámbulo da Constitución, e compromete a todos os poderes ao seu cumprimento”.

Tamén deu luz verde a un punto en que buscan “animar os dous partidos maioritarios a buscar acordos de Estado que eviten que a sociedade española estea sometida ás condicións ilegais de partidos independentistas”.

A oposición rexeitou esta proposta, que ven unha rabecha do PPdeG ao non aceptar o resultado das eleccións do 23 de xullo, que permitiu a Sánchez volver estar á fronte do Executivo estatal. O portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, lamentou que os populares traian á cámara galega este tipo de cuestións que se deben a que “a orixe deste problema está nas expectativas electorais defraudadas do PP” polo que “pasaron da frustración á rabia”.

O socialista lembrou que estas advertencias son recorrentes entre as filas do PP porque xa son moitas as veces que anunciaron que “España vai romper en non sei cantos anacos e non sei por cantos motivos”. 

O deputado do BNG Luis Bará reprochou que o PPdeG cargue contra a amnistía cando é o partido que foi “máis beneficiado por indultos e amnistías”, e considerou que unicamente trae este tema ao Parlamento para continuar nunha “competición con Vox para liderar a oposición” a nivel estatal.

Con ese mesmo obxectivo, expuxo Bará, avogan por “incendiar as rúas e as redes” sen ningún tipo de “prudencia nin sentidiño” porque están instaurados nun único proxecto de “odio e vinganza”. Bará rexeitou a proposta do PPdeG por ser “reaccionaria, regresiva e partidista”, coa que tentan negar “a amnistía que é un proceso legal e normal” porque “a realidade é que se opoñen a todos e cada un dos avances democráticos e de dereitos nos últimos 40 anos”. 

Sesión de control

"Galicia é unha das comunidades que menos se endebedou nos últimos anos". Esa foi a resposta do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ás recriminación da voceira nacional do BNG, Ana Pontón, por incrementar esa débeda e por preferir acudir á banca privada e non ao fondo do Estado.

Nesa mesma sesión de control, o voceiro parlamento do PSdeG, Luís Álvarez, preguntoulle a Rueda se é feminista e se a loita pola igualdade é algo prioritario no seu Goberno. O presidente da Xunta cre que o PSOE ten unha obsesión por poñer etiquetas sobre feminismo, ao tempo que botan do Goberno a ministra de Igualdade, Irene Montero. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade