Sánchez propón crear unha mesa de traballo para renovar o CXPX e o PP non acepta

"É importante que os dous grandes partidos traballemos por un horizonte de acordo", dixo o presidente do Goberno

Desde o PP aseguran que non queren "unha mesa de diálogo como a que se creou cos independentistas" 

Pedro Sánchez e Núñez Feijóo no Congreso dos Deputados (EFE/Zipi Aragón)
G24.gal 07/12/2023 13:13 Última actualización 07/12/2023 14:52

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este xoves a intención de propolle ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, a creación dunha comisión de traballo co PSOE cuxas primeiras tarefas serían a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e as reformas do financiamento autonómico e do artigo 49 da Constitución. Non obstante, desde as filas populares xa lle contestaron que aceptarán ese formato de negociación.

"É importante que os dous grandes partidos traballemos por un horizonte de acordo", afirmaba Sánchez esta mañá nunha entrevista en Antena 3, na que sinalaba que lle exporá a creación desa comisión de traballo na reunión que quere manter con Feijóo antes de que acabe o ano.

O xefe do Executivo incidía na necesidade de chegar a acordos co principal partido da oposición en cuestións fundamentais como o cumprimento da Constitución e, por tanto, dixo, a renovación do CXPX.

Insistiu en que primeiro hai que renovalo co sistema actual "que vén funcionando desde hai xa moitísimos anos" e asegurou que "é moi importante para a cidadanía que desbloqueemos esta cuestión porque todos os atrasos que se están expondo en sentenzas na acción xudicial ten moito que ver con este bloqueo".

Porén, a secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, durante a celebración do Comité Executivo do Partido Popular de Aragón, apurou a contestarlle a Sánchez: “O PP non require ningunha mesa de diálogo como a que creou cos independentistas e agora quere estender ao resto. Se decidiu humillarse no estranxeiro con mediadores, que non conte connosco para branquear estas humillacións. O PP non vai colaborar no branqueamento de quen o chantaxea para seguir sendo presidente”. 

Tamén dixo que polo momento non tiñan ningunha petición de reunión entre presidente do Goberno e Alberto Núñez Feijóo: "O PP non dispón de ningunha información respecto diso desta reunión, nin oficial nin extraoficial”, afirmou Gamarra. 

Mentres tanto Sánchez insiste nas virtudes da lei de amnistía. "Eu estou tan convencido das virtudes da lei de amnistía que estou persuadido de que o PP se non dependera dos votos de Vox aprobaría a lei de amnistía", aseguraba Pedro Sánchez.

Dende o PP acúsano de terxiversar conceptos, non é virtude, din, é vicio. "A amnistía é inmoralidade, é corrupción política, defenestraron política por iso e vicio", dixo a secretaria xeral dos populares.

Pedro Sánchez recoñeceu que non era un plan inmediato a lei de amnistía, pero necesario, dixo, para que en Cataluña se garanta a convivencia. "Amnistiar é perdoar", defende Pedro Sánchez. "Non é certo" que o Estado se equivocara. "Faise unha reivindicación da democracia. plantéase un horizonte de superación".

Mentres no PP acusan a Sánchez de non ser o presidente que merece España, "quen prefire dar a amnistía a quen atacou a convivencia que negociar pactos de estado coas forzas do estado non é o presidente que necesita España", asegurou Cuca Gamarra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade