Samaín reivindicativo no barrio coruñés do Martinete

Os veciños tiran de retranca e celebran unha festa para poñer o foco nas carencias dun barrio "que dá medo"

As veciñas decoraron o edificio abandonado en que denuncian que se trafica e se consome droga
G24.gal 31/10/2023 14:43

Cruces, lápidas, pantasmas ou monstros. As veciñas do Martinete colocaron unha decoración "terrorífica" para o Samaín, pero din que o que verdadeiramente dá medo é o esqueleto de ladrillo que está detrás.

"Dentro está cheo de xente que vén facer as súas cousas, e logo aparecen xeringas pola rúa", denuncia unha veciña. Afirman que no edificio, abandonado hai máis de dez anos, vive "xente necesitada" pero tamén outra, "coa que xa houbo problemas legais e ameazas".

O edificio ten orde de demolición, e din as veciñas que por fin o concello confirmou que será en 10-12 meses de prazo. Bautizárono como "hotel Praza" e, tirando desa retranca, idearon celebrar un Samaín reivindicativo para pedir polo que entenden básico para o barrio. 

Primeiro, úrxelles un parque ou algún espazo común. "É unha vergonza que os maiores teñan que tomar o sol na marquesiña do autobús" di unha veciña. "Aquí tamén hai xente que vive, temos nenos e necesitamos ter un espazo digno", demanda outra. 

Teñen en marcha unha campaña para reivindicar o parque, e ata buscaron sitio para el. Non é a primeira acción que organizan: agora están unidos e convencidos de dar a batalla polo barrio. Por iso, malia todo, teñen ganas de celebrar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade