Rescatan unha muller que caeu por un barranco de 50 metros en Punxín

A Garda Civil detallou que se tratou dunha saída de vía pola marxe esquerda con posterior caída por un precipicio

Operativo despregado en Punxín/Europa Press
G24.gal 28/10/2023 15:02

Aparatoso accidente o acontecido hoxe na nacional 541 á altura da localidade de Punxín. Un vehículo saíu da vía e foi caer por un precipicio de máis de cincuenta metros. Os servizos de emerxencia precisaron utilizar unha tirolesa para poder rescatar a vítima, que non quedou ferida de gravidade. 

Foi contra o mediodía e mentres chovía intensamente na zona cando tivo lugar o accidente. Un vehículo circulaba en dirección Ourense por esta nacional 541 a altura de Punxín, cando por causas que se descoñecen perdeu o control e foi caer pola marxe esquerda da estrada por un desnivel duns cincuenta metros. 

"Afortunadamente a señora, que estaba consciente, puido darnos a localización. De non ser así tiñamos moi difícil a localización do vehículo, xa que ademais de precipitarse quedou tapado pola maleza que hai no noiro", apunta o tenente Juan Carlos Nogueiras, xefe do Destacamento de Tráfico de Ourense.

Unha vez localizado o lugar do sinistro, o operativo de emerxencias procedeu o seu rescate. Foi preciso utilizar unha tirolesa para subir a padiola coa condutora accidentada. 

"Puidemos grazas aos compañeiros de Ribadavia e os do Subsector de Tráfico de Ourense, un rescate bastante laborioso, porque tivemos que baixar con cordas, arneses... Grazas que ela estaba consciente nos axudou en todo momento, porque senón sería moitísimo máis difícil. Temos unha orografía bastante complicada aquí", explica Javier Caamaño, cabo dos Bombeiros do Parque comarcal O Carballiño-Ribeiro.

Malia a aparatosidade do accidente, a condutora, que ía sola no coche, só quedou ferida leve. Descoñécense polo de agora as causas do accidente, pero non se desbota que puidese estar relacionado coa chuvia intensa que caía no momento do sinistro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade