Rescatados con vida 41 obreiros indios tras 17 días sepultados

Traballaban na construción dun túnel no norte da India

Saíron ilesos tras un rescate cheo de atrancos

G24.gal 28/11/2023 20:06 Última actualización 28/11/2023 20:22

Os 41 traballadores eran recibidos como heroes tras máis de dúas semanas sepultados en vida. Un por un recibiron cadanseu colar de flores e cadansúa bandexa de laddu, o doce por excelencia das festividades indias. Motivos para a celebración había de abondo.

Despois de 17 días, ía medrando o temor a que non volvesen respirar aire fresco.

"A súa condición é de primeira clase, están coma ti ou coma min", dicía un eufórico responsable do Equipo de Resposta aos Desastres Naturais despregado polo Goberno indio.

A súa odisea comezou o 12 de novembro. Traballaban na construción dunha autovía en Uttarakhand, unha rexión montañosa do norte da India. Só levaban os primeiros douscentos metros dun túnel de máis de 4 quilómetros cando o teito lles caeu enriba.

Comezaba aí unha angustiosa carreira contra o reloxo para rescatalos con vida. Unha tras outra, as distintas solucións batían cunha barreira de pedra de 60 metros de espesor, pola que só lograron infiltrar un pequeno conduto para enviarlles alimentos e osíxeno.

Un primeiro suspiro de alivio chegou 9 días máis tarde, cando unha minicámara permitiu comprobar todos estaban aparentemente ben.

O risco de derruba obrigou a despexar os últimos metros á man, desde o interior dunha tubaxe de pouco máis dun metro de díametro. Por fin, este martes a operación culminaba con éxito.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade