Remata o temporal de vento e choiva con 456 incidencias, pero no mar segue complicado

A borrasca deixa tamén a súa pegada no interior de Galicia, con algúns ríos case ao límite

G24.gal 29/10/2023 14:29

Segue o mal tempo. Este domingo non hai avisos en terra, pero na costa continúa a situación complicada. Meteogalicia mantén o aviso amarelo en todo o litoral galego por mar de vento e ondas, que continuarán superando os catro metros. Na Mariña luguesa a situación é máis tranquila, e é o único treito costeiro de Galicia sen aviso para a xornada. 

En Pontevedra-Marín, pendentes da preamar

Desde as catro da tarde  de onte producíronse cortes de tráfico na autovía Pontevedra-Marín á altura de Praceres e da Celulosa. Os cortes volvéronse producir esta madrugada ata as sete da mañá por mor da marea alta e da intensa choiva rexistrada na zona.

 A situación normalizouse esta mañá cunha marea especialmente baixa. Pero o temor non cesa, a próxima preamar rexistrarase ás seis da tarde.

Algúns veciños reclaman un muro de contención que protexa da suba do mar e son conscientes de que moitos asulagamentos se producen en zonas de vellos recheos.

A borrasca deixa tamén a súa pegada no interior de Galicia, con algúns ríos case ao límite

A intensa chuvia caída en Ourense nos últimos días deixa varios ríos na provincia moi preto do seu límite. É o caso do Arnoia en Baños de Molgas ou do Avia en Ribadavia, a piques de cubrir a área recreativa da Veronza. Quixo a chuvia dar unha tregua esta mañá, pero din cómpre mirar o ceo, malia que polo de agora tan só houbo incidencias puntuais a situación pode mudar se a chuvia segue a caer intensamente nos próximos días. 

En Baños de Molgas o Arnoia foi gañando espazo nas últimas horas.

"É impresionante, mentres non provoque máis estragos todo vai ben, porque a auga fai falla".

Parte do paseo e a zona recreativa por baixo do balneario están anegados. Pero é que a chuvia apenas deu tregua nos últimos días e especialmente na xornada de onte.

"Aquí choveu a Deus mares, como se acostuma dicir, a Deus dar".

"Unha chuvia descomunal. Eu teño 71 anos e nunca vira chover tanto, sen parar".

De feito en Ribadavia nas últimas horas non lle quitan ollo o río Avia. 

"O río vai moi cheo, onde máis se ve é na Veronza, que a presa case está a ras".

A zona recreativa está pechada, pero din os veciños aínda queda algo de marxe.

"Aquí o Avia comportouse, vai co peito ben cheo pero aguantou ben o envite, e choveu moito, é verdade".

Alto vai tamén o Miño ao seu paso por Ourense, onde algunhas das zonas termais a carón do río están anegadas. A chuvia deixou nas últimas horas algunhas incidencias puntuais na provincia, polo de agora cómpre estar vixiantes e co paraugas preto.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade