PSOE e Junts arrefrían as expectativas dun acordo inminente
Puigdemont insiste nunha amnistía total, incluídas as causas paralelas ao conflito político de 2017
Os socialistas din que o prazo importante é o 27 de novembro, data límite para a investidura
A partida xógase a varias bandas e en varias capitais. Bruxelas, Madrid e Barcelona. E de momento non se albisca o final. Na capital comunitaria segue o intercambio de papeis e chamadas.
Negóciase a letra pequena. Case cada palabra. Hai présa, pero os socialistas non queren cometer erros. A amnistía acabará, con case seguridade, no Constitucional e debe estar ben armada, sosteñen.
Os equipos negociadores traballaron mesmo de noite. Están vendo a quen amnistiar.
As dificultades técnicas son as que estarían atrasando o pacto, pero o acordo político está feito.
O último atranco coñecido era o alcance da amnistía.
Os casos que Junts considera asañamento xudicial encallan o pacto. Pero Sumar defende que debe centrarse nos feitos relacionados co conflito político de 2014 sen incluír casos de corrupción alleos a esta causa.
E isto deixaría fóra a expresidenta do Parlamento catalán Laura Borrás e o avogado de Puigdemont, Gonzalo Boye, procesado por un presunto branqueo de capitais do narcotráfico.
Á espera de que alguén poña negro sobre branco, ninguén se atreve a asegurar cando haberá fumata branca. Malia todo, a día de hoxe segue en pé a idea dunha investidura esta semana.