Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sánchez garante que actuará con "contundencia" se aparecen probas "sólidas" da participación de Marrocos

Sánchez garante que actuará con "contundencia" se aparecen probas "sólidas" da participación de Marrocos

O presidente do Goberno desvelou que o pasado 21 de agosto o Goberno convocou a embaixadora marroquí e insiste en que ningún informe anticipou a "escala" do sucedido en Ceuta

Feijóo di que Sánchez coñecía a implicación de Marrocos: "Vaino pagar, ante a xustiza e ante as urnas"

Marlaska quéixase ao Poder Xudicial da xuíza que investiga Ceuta e Perelló pide respecto

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, comparece no Congreso dos Diputados para informar da xestión da crise de Ceuta (EFE/Sergio Pérez)
G24.gal 03/09/2026 08:15 Última actualización 03/09/2026 22:44

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegurou este xoves no Congreso que "ningún organismo entregou ao Goberno evidencias de que Marrocos planificara ou organizara este episodio". De verificarse, afirma, o Goberno "actuará con contudencia".

Así o manifestou na Cámara nun pleno extraordinario convocado para explicar a actuación do Goberno tras a entrada masiva de persoas na cidade autónoma rexistrada os pasados 30 e 31 de xullo.

A comparecencia prodúcese tras as multitudinarias manifestacións celebradas en toda España en solidariedade con Ceuta e vén marcada polo informe policial que sinala a participación de xendarmes marroquís.

O presidente do Goberno pídelle explicacións ao Centro Nacional de Inmigración e Fronteiras (CENIF), despois de que os axentes non compartiran cos seus superiores o contido dun informe encargado pola xuíza da Audiencia Nacional, María Tardón, "con potenciais implicacións para a seguridade do Estado". 

Sánchez desvelou que  convocou a embaixadora marroquí o pasado 21 de agosto polas declaracións "inaceptables" de dous ministros do seu país sobre Ceuta e Melilla. Insistiu en que "hai que seguir cooperando con Marrocos, aínda que é evidente que tras o ocorrido esa cooperación ten que ser diferente".

"Os nosos axentes fixeron o correcto: ante unha ameaza souberon responder con humanidade"

O presidente do Goberno abriu a súa comparecencia reconstruíndo o ocorrido en Ceuta o día da entrada masiva de emigrantes e nas horas previas.

Segundo explicou, entre o 10 e o 25 xullo rexistráronse de media 37 entradas diarias a nado de migrantes. A partir do día 25 esta cifra disparouse ata as 194 entradas na noite do día 29, a véspera da avalancha. Horas despois, empezaron a circular en redes sociais mensaxes e vídeos animando os migrantes a cruzaren a fronteiras. A partir dese momento, segundo o presidente, empezaron a verse numerosos grupos de mozos acudindo ata Ceuta.

A maioría, 4 de cada 5, entraron a nado a través do espigón do Tarajal. Os axentes tiveron entón que actuar.

"Os nosos axentes tiveron que elixir entre garantir a estanqueidade da fronteira ou defender a vida humana. E elixiron o segundo. Fixeron o correcto, o máis intelixente e o máis valente, porque ante a ameaza souberon responder con humanidade".

Segundo o presidente, unhas 70.000 persoas cruzaron naquelas horas de forma irregular. "Foi o momento máis difícil da crise", afirma.

Tras mobilizar 250 efectivos adicionais da Garda Civil, as Forzas Armadas, embarcacións, drons, e helicópteros e, tras instalar unha barreira pneumatica no Tarajal, impediuse que se producisen máis cruzamentos nos días posteriores.

Segundo Pedro Sánchez: "En 24 horas conseguimos que regresasen 63.000 persoas, máis do 90 por cento dos que cruazaran irregularmente a fronteira a Ceuta. Unha cifra que converte esta operación nun dos retornos mais rápidos de Europa".

O presidente explicou que desde o 10 de agosto recolocáronse 3.300 migrantes e retornaron 3.668. Segundo insistiu estes retornos deben facerse con todas as garantías: "Non se pode coller un ser humano polo brazo e guindalo ao outro lado coma se fose un saco de terra.

"Ningún organismo entregou ao Goberno evidencias de que Marrocos planificase ou organizase este episodio"

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, reiterou este no pleno do Congreso que o Executivo non recibiu ningún informe que anticipase "nin a escala nin a probabilidade" da entrada masiva de migrantes que se rexistrou en Ceuta a finais de xullo nin tampoco da participación directa de Marrocos nesta crise.

"É absurdo pensar que o Executivo foi avisado e non fixo nada adrede. En que cabeza cabe?", explicou.

Segundo explicou, antes do 30 de xullo e nos días posteriores as autoridades marroquís actuaron con normalidade.

"A que se debeu a falta de control durante as 10 horas centrais do 30 de xullo? Todas as instancias do estado están investigando e compartiremos o que decubran con total transparencia como fixemos sempre. Se houbo inacción, deberá dirimirse".

A amplificación das loias nas redes sociais

Sánchez asegurou que o detonante da crise foi a terxiversacion en redes sociais da sentenza do Tribunal Supremo sobre as entradas por mar dos migrantes. Segundo dixo, "foi terxiversada nas redes sociais ata quedar convertida en dúas loias: que a fronteira estaba aberta e quen quen entre a nado non podería ser devolto polas autoridades españolas".

Segundo explica, houbo mafias que aproveitaron estes chamamentos para vender material e servizos de asistencia a partir do 30 de xullo e documentouse a participación de contas vinculadas ao "ecosistema ruso e proisraelí e tamén á ultradereita española e internacional, que acirraron o medo e o odio".

Sánchez anuncia que o rei visitará Ceuta e Melilla "nas próximas semanas"

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, afirma que é preciso actuar para mellorar a capacidade do Estado para actuar ante episodios extraordinarios coma o vivido a finais de xullo en Ceuta.

Anuncia que o Goberno inxectará 100 millóns de euros adicionais que se sumán aos 309 aprobados hai uns días polo Consello de Ministros. Confía en que as axudas comecen a pagarse o 6 de outubro.

Segundo explicou, nun mes conseguiron multiplicar por sete o número de prazas de acollida na cidade autónoma: pasouse de 500 a 3.500 e "temos recursos para duplicar este número nas próximas semanas".

O presidente avanza que o pedirá a Frontex que estableza unha presenza permanente no porto de Ceuta e que a Europol monitorice a migración irregular que sofre a cidade autónoma.

O Goberno ofrecerá a Ceuta unha cadeira permanente no Comité das Rexións, propoñerá a sú integración na Unión Aduaneira e que se lle recoñeza o estatuto de rexion ultraperiferica.

Sánchez aproveitou a súa comparecencia para anunciar que, "nas próximas semanas", o rei Filipe VI visitará as cidades autónomas de Ceuta e Melilla; será a primeira visita despois da realizada hai vinte anos polo seu pai, o rei Xoán Carlos.

Esta visita do monarca transmitirá "o compromiso absoluto do Estado" coas dúas cidades autónomas.

 

O presidente pechou a primeira parte da súa intervención asegurando que o Goberno "non renunciará nunca á soberanía de Ceuta e Melilla”, e aos ceutís díxolles: “Non nos imos esquecer de vós cando estea superada esta fase".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade